Capítulo 11. Deambulando polo xornal.

amores 11
Capítulo 11. Deambulando polo xornal.

Non investiron naquela súa segunda toma de contacto máis de dez minutos, o tempo suficiente para que Xoán lle fixese un repaso completo ós tipos máis peculiares do xornal. Faloulle do responsable da sección cultural, un cincuentón que escribía novelas de seguido coma se o oficio da escrita fose algo semellante a unha máquina de facer churros. Faloulle da parella máis curiosa de todas: o Tino e o Tano, dous elementos da sección de deportes que apostaban todas as semanas nas quinielas, na primitiva, na amores 11bonoloto, na hípica, nos cegos e na lotería nacional. Discutían continuamente, berrábanse de seguido, todo dende que acertaran hai anos unha primitiva de cinco acertos, pola que ían cobrar daquela perto de trinta millóns de pesetas. Para celebralo organizaran unha papada coa redacción e agarraron unha melopea espectacular na que perderan o boleto premiado, que nunca máis apareceu. As súas crónicas deportivas non tiñan parangón, cos puntos de vista diferentes de ámbolos dous, sempre enleados. E tamén lle falou da secretaria de dirección, á que alcumaban Potita (eu mesmo, non lle sei o nome, aclaroulle Xoán) polo empotingada que andaba.

  • Éche un elemento curioso a Potita, non o sabes ti ben aínda, Estela –dixo Xoán botando unha gargallada.
  • E cal é a razón?
  • Dígocho, pero eu non cho dixen. Gardarasme o segredo?
  • Por favor, Xoán, non o dubides. Canta.
  • Sabes o primeiro que fai todas as mañás cando chega? Ler o noso xornal. E noncalquera cousa, non ho. A sección das cartas dos lectores, sobre todo as das queixas.
  • As das queixas? Das queixas de que?
  • Pois muller, recorta as cartas dos lectores que se queixan ou critican artigos dos publicados. E sabes que fai a moi lercha? Unha clasificación dos peor parados.
  • E que hai de malo niso, Xoán?
  • De malo nada, se quedase para ela; o conto é que a fai pública no taboleiro de anuncios do xornal acompañada das estatísticas do ano, como se a cousa fose unha competición. E claro, os que ganan na semana, porque son os que a xente pon máis a caldo, están que agatuñan paredes arriba. Por iso hai quen non a pode nin ver, incluso as malas linguas din que estivo unha tempada dándolle calor ó xefe de persoal, outro que tal baila, o “pijo” ese. Criounos Deus e foron eles os que se xuntaron. Hai moitos que xa lideraron longas tempadas o “Potita ranking”. E o Tino e o Tano sempre no derradeiro lugar: non sei que pensan os lectores deles, pero pódoche asegurar que nunca tiveron unha mala crítica.
  • Xoán, todo iso é moi interesante, agradézocho, pero creo que debemos irnos.
  • Tes razón. Toma esta tarxeta, aí está o número da miña extensión. Se precisas algo, non tes máis que chamarme.
  • Gracias, Xoán. Poderías dicirme onde podo facer unhas copias a cor e para onde cae a sala de infografía?
  • Por suposto, muller. Segues este corredor ata que remate e alí viras á dereita. Despois, a terceira porta é a sala de infografía e non hai mellor sitio ca ese para facer esas fotocopias. Déixote. Xa sabes: o que precises.

Estela deixou a Xoán e foi cara a sala de espera. Viñéralle unha idea, así, de socato: facer unha copia da fotografía enmarcada. Cando chegou non había ninguén perto da sala. Entrou e pechou a porta. A foto non tiña un marco moi grande, colleuna e meteuna no bolso. Despois, marchou cara a sala de infografía. Ó pouco, cruzouse no camiño coa Potita, que saía do aseo e que sen mediar palabra lle adicou un sorriso. Estela seguiu sen pararse e non puido ver como pouco despois o Pedro Rocha saía do mesmo aseo.