Capítulo 12. A fotografía da sala de espera.

amores 12
Capítulo 12. A fotografía da sala de espera.

Namentres camiñaba cara a sala de infografía ía pensando teimudamente na razón da existencia daquela foto. Lembrou a sensación de había unhas horas, cando por casualidade se vira nela. Foi percorrendo o camiño e cruzándose con xente que entraba e saía dos despachos nunha aparencia frenética de traballo. Cando xa vía o rótulo da sala, pasou por diante duns aseos e tivo unha idea. Entrou no baño e pechouse. Colleu a foto do bolso e quitouna do marco. Non era cousa facer iso na fotocopiadora diante da xente. Por sorte o marco era sinxelo e so había que tirarlle unha traseira de cartón suxeita con presillas. Estela gardou todo novamente, premeu o pulsador da cisterna e saíu.

amores 12Cando entrou na sala de infografía había catro persoas diante de cadanseu computador con monitor TFT de moitas pulgadas. Ben se notaba que estaba alí o epicentro das imaxes que logo sairían no diario. Presentouse dicindo que era Estela, a nova en prácticas de Local e que lle dixeran que alí podería facer unhas fotocopias a cor. Unha rapaza delgada e loira ergueuse da cadeira e dirixiuse a ela.

  • Así que es nova aquí? Non te preocupes, xa te afarás a isto. Perdoa, chámome Bea. Que clase de copia queres facer?
  • Pois unha dunha fotografía, a ser posible a cor.
  • Vale, daquela imos a esta máquina. Pos aquí o orixinal, marcas no teclado o número de copias e seleccionas “Color”. E xa máis nada. Desculpa que te atenda tan mal, pero temos que entregar varios temas para a edición, imos con moito retraso e creo que xantaremos aquí; así que non teño moito tempo. Volve outro día e convídote a un café.
  • Non te preocupes. Fareino. Moitas gracias, Bea.

Estela quedou soa diante da fotocopiadora. Ergueu a tampa, tirou a foto do bolso e colocouna enriba do cristal. Pechou, marcou dúas copias, premeu a tecla “Color” e logo o “Enter”. O zunido da máquina espallouse polo aire e pouco despois o aparello cuspiu as dúas copias. Lembrou algo, fedellou nas teclas e tirou outra copia máis, pero esta ampliada. Cando rematou, gardou a foto no bolso e recolleu as copias. Despois achegouse ata a mesa de Bea e despediuse dela, que lle amosou un sorriso a xeito de desculpa.

Xa no corredor, repetiu a operación anterior á inversa e volveu ó baño. Montou novamente a foto no marco e despois dirixiuse a colocala no seu lugar orixinal na sala de espera. Ogallá que non haxa ninguén, pensou. Pero non, no seu sitio estaba xa a Potita, que non podendo conter a súa curiosidade preguntoulle de seguido.

  • Que? Que tal o paseo?
  • Moi ben gracias –contestou Estela. Sabes se hai alguén na sala de espera? Preciso descalzarme un intre.
  • Nada muller, con tranquilidade. Está baleira.

Satisfeita coa súa xustificación espontánea, entrou na sala e colgou novamente a fotografía enmarcada. Cando pensaba saír entrou a Potita na sala e Estela sentiuse descoberta na súa propia mentira. Para arranxalo sentou nunha cadeira descalzou un zapato e arranxou a posición dunha media. Pero Potita viña a outra cousa.

  • Vou tomar un café. Se queres vir, acompáñame.
  • Case que non, xa tomei antes. Non estou afeita a moitos cafés no día. Podo facerche unha pregunta?
  • Por suposto. Que queres saber?
  • Algo sinxelo. Por que hai estas fotos de grupos de estudiantes na sala?
  • Non o sei. Creo que son cousas relacionadas coas visitas ás instalacións. É por algo en particular?
  • Non, non. Só era curiosidade. Ben, debo regresar. Faise tarde.

Estela calzouse e ergueuse da cadeira. Saíron as dúas. Ela dirixiuse a Local e Potita entrou na sala dos cafés.