Capítulo 13. A mañá que se vai.

amores 13
Capítulo 13. A mañá que se vai.

Cando Estela entrou pola porta de Local case se estampa contra Valerio.

  • Está ben que veñas, Estela. Eu saía na túa procura, para falarmos todos sobre a xuntanza da tarde.
  • Retraseime un pouco. É que todo o mundo me daba parola. Vantaxes de ser a novidade, Valerio.
  • Pero iso non durará sempre –dixo Conchiña con voz amargada–. De seguido se aburren de nós.
  • De todos, Conchichiña, de todos –entrou Vicente–. Despois da novidade, cada un ó seu…
  • Non me chames Conchichiña, sabes que me amola, Vicente.
  • Vale muller, vale, só era unha brincadeira. Veña, sentámonos arredor da mesa da esquina e comezamos.
  • E logo non falta Bernardo? E o xefe? –dixo Estela.
  • O xefe non vén. Non ten sentido, isto é unha cousa nosa para levar todo claro despois pola tarde. A Paco non lle agrada que se discuta moito diante del, anóxase. Quere ideas claras e concretas.
  • E o Bernardo xa está aquí. Desculpádeme pero tiña unha necesidade imperiosa –dixo, entrando pola porta. O señor Roca agardaba pola miña visita.
  • Non cambias, sempre igual, Bernardo –dixo Vicente–. Veña, podemos comezar.

amores 13Estela pensou que Vicente era o encargado de Local, pero non era así. Levaba a voz cantante porque esa situación era consecuencia do funcionamento democrático do que presumía a sección. Cada semana levaba un deles as reunións.

  • Primeiro temos o do incendio da casa do concelleiro. Que tes diso, Valerio?
  • Ben, xa está todo estruturado. A novidade é que a xente especula arredor da trama da concesión de licencias urbanísticas.
  • E como vai o da contaminación da auga no Hospital Provincial, Conchiña?
  • Deille o enfoque que pedía Lousa, Vicente. Estou pendente das fotos e do resultado da análise definitiva, que sairá mañá. Así que aínda hai para tirar do asunto un par de días.
  • Bernardo ¿ampliaches algo arredor do asunto do novo estadio?
  • Si, teño todo preparado, ata unha entrevista que acadei coa presidenta da Diputación. E tamén unha nova, vaia nova, miña naiciña. Doutro asunto, pero, escoitade o que vos digo: vai ser un bombazo.

As olladas espreitantes de todos pousáronse en Bernardo, que azaneou coa cabeza, sabedor do que lle pedían.

  • Cun algo de sorte, cóntovolo pola tarde.
  • Está ben –dixo Vicente– como queiras. E para rematar dúas cousas. Unha, que a miña reportaxe das desfeitas polos botellóns está tamén rematada. E a outra é unha previsión para mañá. Seica a iso das doce chega ó aeroporto Abali Mareno, para despois presentar o seu novo espectáculo na cidade. Conchiña, coido que podías ir ti a cubrilo e levas a Estela contigo.

A ollada escura e de esguello que Conchiña lle espetou a Vicente contrastaba coa ollada de abraio de Estela ante aquela proposta.

  • Eu non vou a ver nada que faga esa lurpia, óesme, mal demo me leve.
  • Pero muller, ti…
  • Nin ti nin nada Vicente, vai ti se queres. Ou outro. Eu non quero saber nada dese pendello. E por riba lembra que teño a recollida dos resultados da análise das augas.
  • Muller, sabes que sempre os dan ás dez. Tes tempo de sobra.
  • Nin tempo nin nada, óes, que non vou. Non insistas.
  • Vale, vale, Conchiña. Cando teimas hai que deixarte. Pois entón creo que debe ir Valerio se non ten algo que opoñer…
  • Diso nada, xa sabedes o que me gustan a min os chismes e os murmurios. Non hai nada coma os “marujeos”. Tómoche a palabra. Eu por ver esa muller tan guapa fago o que sexa. Rediós. Perdoa Estela, pero mañá vas ter que aturarme.
  • Aínda non o creo. De verdade que vou eu tamén?
Pois claro, es unha máis no grupo. Vémonos todos ás cinco. Sede puntuais.