Capítulo 14. Tempo de falar

capt.14
Capítulo 14. Tempo de falar

Acordaron de ir xantar todos xuntos para celebrar a chegada de Estela, pero esta dixo que non avisara na casa e que sería mellor se quedaban para o día seguinte, cousa na que todos estiveron todos dacordo, xa que así poderían ir tomar o cocido no Bar da Parrula, que era bo xantar para unha celebración.

capt.14Despois de despedírense, Estela saíu da redacción. Xa na rúa, cruzouse coa Potita, que lle preguntou onde ía por se lle quedaba de camiño levala no coche. Estrañada por aquel detalle, rexeitoulle o ofrecemento dicindo que debía facer uns recados polo camiño e dirixiuse cara a parada do autobús. Dende a fiestra de Local, Conchiña observou todo e pensou para si que a Potita xa andaba coméndolle a orella á nova en prácticas.

No autobús, Estela tirou do bolso a axenda e procurou a páxina onde anotara o nome de Maca Coirós. Borrou a nota da sala de infografía e anotou “no coche, con Paco Lousa”. Colleu o móvil e chamou a Marco.

  • Hola Marco, son Estela. Teño novidades e debemos falar. Vou agora no 14 e agardo por ti na parada que ten á beira do “Lombo do Gato”, quédache moi perto da oficina.

Pensou que pagaba a pena. Non era moita a información pero así o irmán de Maca deixaría de debullar os miolos. E tamén tiña curiosidade polo que lle querería dicir Marco da outra vez. Cando o autobús freou, decatouse de que estaba na parada anterior e decidiu baixar. Camiñar cinco minutos non lle viría mal. Cruzou no paso de cebra por detrás do bus e fixouse no BMW azul mariño que estaba alí. Conducíao un tipo vestido cun traxe escuro a raias e unha gravata de cor vermella. Levaba uns lentes de sol Gucci, de pasta e cristais escuros. Chamoulle a atención de que mirara tan fixamente para ela pero non lle deu importancia. Cando o autobús arrincou ela estaba no outro beirarrúas. Estela tivo un pálpito e mirou con disimulo para o coche. Pasou unha vella e despois o BMW arrincou tamén. O condutor volveu a ollada para mirala oculto tralas súas gafas escuras. Estela non o dubidou xa, o tipo era o Pedro Rocha, o xefe de persoal. O alcume de “pijo xenético” que Valerio lle puxera estaba ben posto. Apurou o paso, pois xa albiscaba a Marco na parada do bus e non quería facerlle perder moito tempo, xa que el non saía ata as tres e aínda eran as dúas. O achegarse, deulle dous bicos nas fazulas.

  • Xa non aturaba máis tempo…
  • Por que? –dixoMarco, co corazón latexando a dobre ritmo do normal por causa da emoción–. Veñadime iso que me tes que dicir.
  • Está ben. Sei case todo arredor da morte de Maca. Supoño que averiguarei máis cousas, pero polo menos disllo ó Suso, non vaia ser que lle dea por facer calquera tolería.
  • Non sexas parva, muller. El só quere saber.
  • Pois entón mellor así. Mira, Maca non apareceu morta na sala de infografía. Iso son todo chismes. Seino polos compañeiros e polo meu xefe, que quedou paralítico por mor do accidente.
  • ¡Meu Deus! Vaia desgracia.
  • Si, pero máis desgracia foi a morte de Maca, que ía con el para cubrir unha noticia. Seica o accidente foi espectacular e o coche quedou sinistro total. Maca morreu e el estivo ingresado moito tempo.
  • Daquela, Suso e mailos pais xa non dubidarán máis de se a morte dela tivo algo raro ou non.
  • Por que dis iso, Marco?
  • Muller, de atopala na sala de infografía, existiría a dúbida de se foron outras as circunstancias da morte, pois as autopsias poden amañarse. Porén, xa non é así. Oe, Estela, ¿e non estaría a Maca liada co teu xefe?
  • Marco... Non me fagas rir. Non creo que fose o tipo de Maca: é algo calvo, repoludo... e ten sesenta anos.

Ollou o reloxo. Tirou do bolso unha das copias que fixera da foto da sala de espera e entregoulla a Marco.

  • Non podo pararme máis. Bótalle unha ollada de vagar a esa fotografía e xa falaremos. Agora voume, que teño o tempo xusto.