Capítulo 15. Xantar e voltar

capt.15
Capítulo 15. Xantar e voltar

Con tanta présa, Estela non lle preguntou a Marco que era o que quería dicirlle da outra vez. Pero tempo habería, sempre chegaba o tempo para todo. Cando chegou a casa mallárona a preguntas que foi respondendo aturulladamente, xa que non a deixaban tranquila, pois todos ensarillaban unha tras doutra e só querían saber. Aquel día viñera toda a familia a xantar e tamén foran a buscar á avoa, que, tan maior, a pobriña só facía preguntarlle que cando saía na televisión, que xa se enterara que traballaba no “telediario” e moito lle costou comprender que era un diario, un xornal, e que non saía dando novas pola tele.

capt.15Estela comeu ás carreiras e saíu disparada cara o autobús. Era o seu primeiro día de traballo, pero semellaba estar acontecendo todo máis rápido que no día anterior. A partir de agora debería de afacerse ó mundo laboral. No traxecto foi distraída e mesmo lle daba o sono por momentos. Espabilaría camiñando. E foi así, tanto que xa dende a entrada ó periódico albiscou o BMW azul, que coruscaba cos raios do sol, estacionado na parte reservada do aparcadoiro. Achegouse e comprobou que podía ser o do Pedro Rocha. Alzou a vista cara a entrada do edificio pero non viu a ninguén. Na pranta superior, correuse levemente unha cortina e houbo alguén que si a viu a ela. Xa dentro, na recepción cruzouse casualmente co Pedro Rocha, que se amosou cheo de amabilidade.

  • Ola, Estela. Pareceume verte hoxe baixando do autobús. Aínda que non sei onde vives, cando queiras eu podo levarte, que me cadra de camiño, alomenos ata dúas paradas máis adiante, que despois collo a estrada costeira.
  • Agradézoche o ofrecemento, Pedro, tereino en conta, non o dubides.
  • Alédame moito oír iso. Ben teño que irme. Deica logo.

Despois de afastarse o xefe de persoal, Estela dirixiuse a redacción de Local, para a xuntanza das cinco da tarde. E nada máis perdela de vista, a rapaza de recepción descolgou o teléfono e falou:

  • Ola Potita. Vai todo ben por aí? Teño unha nova: o Pedro xa se lle ofreceu de paseante á nova de prácticas.
  • Non me digas –contestou Potita. Pero se case non lle deixou tempo de asentarse. Cóntame como foi.
  • Nada muller, seica viu que ía en autobús e ofreceuse a levala no seu coche.
  • Xa, xa, outravolta a presumir. E ela qué lle contestou?
  • Nada, non lle dixo nin que si nin que non. Pero agradeceullo. E iso foi todo.
  • Moitísimas gracias, Carla. Non sei que faría sen a túa axuda.

Carla colgou o teléfono e Potita fixo o mesmo para erguelo de novo, marcar un número e empezar outra conversa. Finxir dábaselle ben.

  • Ola, son eu, Potita. Que tal todo por aí?
  • Pois moi ben, preparando cousas. E ti que tal?
  • Teño unha nova que contarche. Moi interesante por certo.
  • Conta, que xa tardas.
  • Escoita, é do teu Pedro. Sabes que seica xa lle anda ás voltas á nova de prácticas. As cousas así, canto antes se saiban, mellor.
  • Vaia. E como te enteraches? Estabas ti alí por casualidade?.
  • Veña, muller, que ía estar eu alí. Chamoume Carla, de recepción. Foi ela quen os viu e seica non lle cabía un garbanzo no cu para contarmo. Se queres saber algo máis podes chamala ti a ela.
  • Non, abóndame con iso, de verdade.
  • Pois entón déixote. Xa sabes o meu consello: márcao de perto.
  • Si, xa vexo. Moitas gracias, Potita.

Colgou o teléfono, ergueuse da cadeira e dirixiuse cara a fiestra. Separou a cortina e ollou para o BMW azul no aparcadoiro. Cando Estela entrou, Conchiña seguía á carón da fiestra, matinando.