Capítulo 18. A soidade na casa

canvas 18
Capítulo 18. A soidade na casa
  • Así que fixemos unha visita ás instalacións do periódico hai tres anos! Xa non o lembraba, Marco.
  • Non te apures muller, todos esquecemos cousas. Por certo, lembra que temos unha conversa a medio rematar.
  • Si, xa o sei, deixeite coa palabra nos beizos. Deixa pasar uns días e quedamos. Agora ando entusiasmada coas novidades do traballo e amais diso quero causar boa impresión.
  • Paréceme ben. E se tes ocasión a ver se consegues unha foto adicada da Abali esa.
  • canvas 18Para ti, Marco? Non me fagas rir. Non o podo crer.
  • Veña, muller! Que semella que seica tes celos. Diso nada, se che fose posible dille que asine “Para Pilar, con moito agarimo” pois quero darlle unha sorpresa a miña nai.
  • Está ben, Marco, intentareino. Pero agora déixote, quero ir para casa e descansar. Mañá non hei ir xantar pois os compañeiros queren celebrar a miña chegada cun cocido.
  • Arredemo! A min non me recibiron así. Dixéronme cal era a miña mesa e xa está. Estela, un cocido non se perdoa. E xa sabes, para calquera cousa na que poida axudarte, conta comigo.
  • Graciñas, Marco. Gracias e ata mañá.

O son do teléfono confirmoulle a Estela que Marco colgara definitivamente. Así que encamiñou os seus pasos cara a parada do autobús. Paseniño, sen présa, avanzaba polo beirarrúas coa mente posta nel, en se lle poidera quedar a idea dos celos coa Abali Mareno. Pensou na conversa que tiñan pendente, ou máis ben na que Marco tiña, xa que era el quen quería contarlle algo. E nesas ideas bulideiras andaba cando un ruxe-ruxe de motor que se achegaba ata pararse perto da parada de autobús sacouna dos seus pensamentos. Soubo de quen era aquel coche e decidiu que non subiría nel. O BMW azul do Pedro Rocha agardaba por ela na parada do bus e coas luces de avaría acesas. Cando se achegou, unha das xanelas do coche baixouse automáticamente e escoitou a voz do Rocha, que lle falaba.

  • Ola Estela, inda que non o pareza, isto é unha casualidade. Vinte hai un pouco e pregunteime se quererías que te deixase nalgures.
  • Graciñas, Pedro; pero non. Preciso ir camiñando aínda outras dúas paradas, pois quero determe nuns comercios de roupa deportiva. Despois collerei o bus…
  • Insisto, se queres lévote, que non me costa nada.
  • Non, Pedro, outro día talvez, mais hoxe non. Agradézocho de calquera xeito.
  • Ben, ben, xa non insisto mais. Ata mañá, entón.

E Pedro puxo novamente en marcha o BMW azul mariño do que presumía tanto. En nada, perdeuse ó lonxe na rúa. Estela seguiu camiñando ata a outra parada, pois os paneis indicadores sinalaban que o autobús que lle tocaba traía un retraso de dez minutos.

Pouco despois, xa sentada no autobús, pensou se talvez non sería demasiada casualidade aquel interese de Pedro Rocha por levala. Ou sinxelamente o tipo tiña un afán conquistador de moitos folgos. ¿E non viría, por un aquel, seguíndoa dende a saída do xornal? Isto parecíalle un pouco fóra de lugar, pero tamén entraba dentro do posible. Como o das fotos da sala da espera. En fin, que levaba un primeiro día de traballo con moitas emocións.

Cando chegou a casa, a súa primeira reacción foi sentarse no sofá, costume adquirido longo tempo atrás. Estirou as pernas e tumbouse. Coa posición foille chegando o sono e decidiu que moito mellor sería darse unha ducha. Estaba moi cansa e quería deitarse.

Na ducha sentiu o devalar da auga pola súa pel e as ideas que bulían no seu maxín arredor do Pedro Rocha. Ou era todo unha casualidade ou non lle cadraba tanto interés por parte del. E por que non querería Conchiña cubrir a entrevista da superestrela Abali Mareno?