Capítulo 2. O encontro

amores de diario 2
Capítulo 2. O encontro

Pasou inqueda aqueles quince días. Dende que soubo o aprobado da derradeira asignatura, e o consecuente remate da carreira, o maxín de Estela non parou de pensar no día da incorporación ó xornal. As ideas viñan e marchaban a unha grande velocidade dentro do seu maxín. As preguntas tamén: Que cometidos lle darían? Tan só facer fotocopias? Pasar crónicas e reportaxes a ordenador? Sairía á rúa? Podería facer ela algunha reportaxe ou entrevista?

amores de diario 2E así todos os días, tanto que traía tola a media familia. E traía tolos coa cobiza e coa envexa a María, Alberte e Carlos. En calquera caso semellaba ser unha envexa limpa, sen fondo de xenreira. O éxito sempre o acada quen máis o merece. Ou non. Como naquel ano en que ós dous rapaces lle entrara a tolemia por María, e un polo outro e a casa sen varrer, así foi que o Gustavo lles levantou a moza, ata que este, por pailán e parvoeiras, decatouse que todo fora unha estratexia de María para darlle celos ó Gonzalito, que tentou de devolverlle a xogada andándolle ás voltas a Estela, mais esta rexeitouno por insoportable.

O día antes de se cumprir o prazo, recibiu unha chamada do departamento de persoal do xornal, para comunicarlle que debería incorporarse á redacción ás 9.00 da mañá do día seguinte levando candasí a tarxeta de desempregada expedida polo INEM e o DNI. Asemade, ó chegar debería preguntar polo xefe de persoal e despois pola repotingada secretaria do director.

Foi con esa chamada cando coidou que esquecera o detalle da tarxeta de desemprego. O vello reloxo de parede do recibidor marcaba as doce en punto. Aínda tiña tempo se se daba présa. Correu cara o seu cuarto, quitou o chándal que levaba posto e púxose uns vaqueiros azuis e unha blusa branca. Calzouse, colleu o bolso e chaqueta de ante que o seu pai lle botara o ano pasado nos Reis e saíu á rúa para dirixirse á parada do autobús. Colleu o catro, que traía dez minutos de tardanza, e que a deixaría axiña perto da comisaría de policía, á beira da oficina de emprego. O paseo motorizado non foi máis aló dos dez ou doce minutos. Estela estrañaba as viaxes diarias nos buses de dous pisos da súa estadía en Londres. Outra teima, esta vez da súa nai, a de que aprendese inglés, coa que primeiro non estaba dacordo e da que despois lle estivo sempre agradecida. Acordou dos vellos autobuses de dous pisos nos que percorrera a cidade dunha banda a outra. Ata chegara ós límites da zona dous, onde todo semellaba unha cidade diferente, coas casas aquelas tipo obreiro tan distintas ás do centro, mesmo o ambiente atafegado coa xente indo e vindo pola rúa e os baixos cheos de negocios: froiterías, ferreterías, tendas de alimentación.

Cando entrou na oficina de emprego púxose á cola. Volveu lembrar unha frase inglesa: o “Jump the queue” que vira na publicidade e no acceso ó museo de Madame Tussaud, aquel lugar cheo de facianas coñecidas, moitas delas de mortos que semellaban estar vivos. Mais agora, aquí, non podía saltar a cola. Non podía, tiña que agardar o seu turno. Foi pasando a xente e cando lle tocou a ela, atopouse fronte a fronte con Marco.