Capítulo 22. A hora do xantar
19:55 23/05/20
19:55 23/05/20
A Valerio acordoulle o do cocido e ollou a hora no reloxo. Era perto da unha e media.
- Non creo que cheguemos axiña á redacción, así que colle o meu móbil e chama, para que nos saia todo o mundo no Bar da Parrula, que o cocido está encargado e a mesa reservada a nome de Bernardo.
Obediente, Estela chamou á redacción e colleu Conchiña.
-
Conchiña, son Estela, que di Valerio que saïades xa para a Parrula. Bernardo ten a reserva. Que nós acabamos de saír agora da rolda de prensa.
- Que tal foi todo, Estela?
- Mal, quero dicir, podía ir mellor, pero foi mal. Un desastre. Xa volo contarei no xantar.
- Ben, pois eu teño algo que dicirche. Seica tes un admirador segredo.
- A ver con que me saes agora, Conchiña.
- Nada muller, Estela Soneira es ti, non si? Pois entón enriba da túa mesa hai un sobre tamaño folio, con ese remitente: “Un admirador segredo”.
- Déixate de brincadeiras, que non estou de humor.
- Que non é broma, Estela, é en serio. O sobre chegou por mensaxeiro.
- Está ben, entón fai o favor de levalo e darmo na comida.
Estela colgou e quedou pensativa por un intre. Valerio ollaba de esguello para ela, sen quitar a vista da condución. Estela abriu o bolso e tirou o sobre.
- Vaia por Deus, pois vai a ir a cousa de sobres.
- Por que, Estela? Que é iso?
- Nada, que deixaron un sobre para min na redacción remitido por un tal “Admirador segredo” e aínda teño a máis estoutro que me deu un camareiro no remate do aperitivo ó tempo que Abali Mareno se despedía de min dende a escaleira. Non sei que pensar, Valerio.
- Como? Danche un sobre na rolda de prensa que ó que se albisca vén da morenaza Abali e ti gárdalo no bolso? Ábreo agora mesmo, que me perde a curiosidade.
Estela rachaba amodiño o sobre por un dos bordes.
- Xa tiña pensado facelo, pero aquí dentro do coche. Ves, xa está; mira que temos aquí dentro: unha tarxeta escrita e dúas invitacións para o espectáculo.
- Esteliña, por Deus, queres ler dunha vez, que me consumo…
- Está ben, pero a cambio de algo. A resposta a unha pregunta.
- Vale, muller, vale. Dispara xa.
- Estás liado con Laura? Chamoume a atención como vos ollabades un ó outro.
- Só iso? Pois máis ou menos si, estamos comezando. Pero é un segredo que só saben os de Local. Así que nin chisca.
- Está ben, eu tamén son curiosa. E ti quedarás contento se leo que aquí di textualmente “Agárdote mañá, as 11.00, no Hotel Roma, no reservado da cafetería. E disculpa o desplante. Abali Mareno”. E as dúas entradas. Que llas regalarei a Marco para a súa nai, a falta de foto adicada.
- Ti non te decatas aínda do que acadaches, Estela… pero eu si: a primeira exclusiva da vedete en moitos anos, e sobre todo para un xornal de información xeral coma o noso. Subiranche o soldo, seguro. Verás cando se entere o xefe Lousa. Aínda se ha producir un milagre e vaise erguer da cadeira de rodas. Veña, baixa que xa chegamos. Alí vexo o coche de Bernardo. Xa deben estar dentro.
Entraron no bar, onde os demais xa estaban coa mesa preparada e o cocido recén disposto. O arrecendo da carne, os chourizos e a verdura daba fame. Un balbordo xeral de todos preguntándolle a Estela fixo que esta se ruborizase. Valerio foi o que falou.
- Preséntovos á nova estrela mediática do diario. Acaba de conseguir unha entrevista exclusiva coa vedete e, a máis, dúas entradas de premio para asistir ó espectáculo.
Os comentarios foron xa continuos e ninguén lembrou felicitar á cociñeira. A tarxeta autógrafa de Abali Mareno circulou por todas as mans.
- Noraboa –dixo Conchiña– mais agora queremos saber quen é o teu admirador segredo. Aquí tes o sobre.