Capítulo 24. Unha lousa para Paco

capt. 24
Capítulo 24. Unha lousa para Paco

Ó baixar do coche, Vicente comentoulle a Bernardo que o Rocha axexaba dende a fiestra e que seguro baixaría ó ver a Estela. O acerto foi total e xa o abellón se dirixía á flor cando viu interrumpido o seu voar. As intencións remataron frustradas cando Pedro Rocha viu a Estela acompañada por Conchiña e falando entre as dúas. O xesto foi entón un saúdo normal e despois a saída forzada cara o BMW estacionado no aparcamento, semellando ir na procura de algo, por disimular mellor.

  • Viches, Estela, xa viña por ti.
  • Si, xa vexo, Conchiña. Semella un caso clínico, perdido sen remedio.

capt. 24E rindo, colleron cara a redacción de local despois de responder ó saúdo de Carla. Estela dirixiuse ó seu posto para procurar algunha información en Internet. Pero non puido, porque na pantalla do computador palpexaba aquela mensaxe ¡Chegou un e-mail! que ela por suposto non agardaba. Unha mensaxe que se acendía e apagaba rítmicamente, acompasando as aparicións cun son apenas audible e cun pequeno lóstrego e as desaparicións cunha escuridade absoluta no monitor. Pensou que talvez traería un virus, pero non, o programa antivirus non indicaba nada. Abriuno, pensando aínda que a súa conta de correo tiña un nome longo de máis, pero daba igual, o importante era o servicio que prestaba. Picou co punteiro no arquivo e apareceu aquel anaco de texto escrito:

“ Hai un territorio da desaparición no que a visión é un regreso que golpea na fronte a súa lei dolorosa de vertixe e de asombro como supoño que golpean a túa mente as imaxes percibidas das fotografías do sobre, para axudárenche a botar algo de luz na escuridade que vai caíndo lenemente sobre o camiño por ti emprendido, aloumiñando as tebras da fondura do inexplicable.”

Outro misterio máis para resolver, sen dúbida algunha. Mais... Quen? Para que? E Estela ceibou a pregunta no aire:

  • Algún de vós envioume un correo electrónico?

A resposta foron cinco “non” seguidos. E a resposta de Estela foi darlle a orde “imprimir”, erguerse e recoller o papel escrito coa mensaxe antes de ir para o despacho de Paco Lousa. Cando entraron nel e estiveron todos sentados, a voz de Paco amosaba un certo síntoma de inquedanza e de impaciencia.

  • A ver que me contades, rapaces.
  • Mira Paco –dixo Valerio– o asunto da rolda de prensa foi frustrante para Estela, que non recibiu resposta as súas preguntas certeiramente escollidas. E despois temos este sobre cunha cita e estoutro cunhas fotos. Bótalle unha ollada.

Paco colleu os sobres, leu a tarxeta e observou as fotos. Ó mesmo tempo, Estela explicáballe o episodio de cada sobre.

  • E agora acabo de recibir este correo. Podes ler en voz alta, que os demais non o leron aínda.

Paco foi lendo amodiño aquel texto e ó remate houbo un comentario xeral: ninguén entendía nada. O remitente tiña un enderezo descoñecido.

  • Vale –dixo Paco– todo isto é moi interesante. Parte do texto, son versos de “Territorio da desaparición”, un libro de poesía de Fernán Vello. Pensemos. Primeiro irás á cita, pero só ti, Estela, sen compaña. A mención ó espectáculo non imos facela, así se acadas algo mañá, poderemos empregalo despois. Distinguirémonos dos outros. E imos dedicarlle a iso máis tempo. Pero sacrificamos o lío da alcaldesa co presidente do club. Síntoo Bernardo, podes facer a reportaxe esa e non publicala aquí. Non é o máis axeitado. Pero publicarase, talvez máis adiante cando o asunto do novo estadio estea máis claro. Os da Sístole Diastólica débenme algún favor, así que se queres ir entrenando para o Verde Corazón mira de escribir algo alí e vas facendo callo.

Bernardo negou coa cabeza e Paco deu por rematada a reunión.