Capítulo 25. Territorio da desaparición

capt. 25
Capítulo 25. Territorio da desaparición
  • Dende logo, Estela –dixo Valerio–, tes unhas fontes de información rarísimas. E iso que só levas aquí uns días. Nada, nada, o dito, que es a nova estrela.
  • Ti tes ganas de meterte comigo. Déixao xa, por favor.

capt. 25No despacho sentiuse o movemento da cadeira de rodas e pouco despois Paco chamaba por Estela dende a porta.

  • Fai o favor de vir un intre, Estela. Preciso falar contigo.
    Valerio chiscoulle un ollo a Estela ó tempo que lle dicía baixiño “xa me estrañaba a min, vaite, xa falaremos”. Estela entrou no despacho e coa indicación de Paco, pechou a porta tras de si.
  • Senta un anaco, rapaza. Vexo que es moi espabilada. Quero pedirche unha cousa. Mañá irás a ese hotel como quedamos e á volta, vés directamente por aquí para falar comigo.
  • Só iso?
  • Si, polo de agora. O resto verémolo mañá. Podes irte.
  • Pois nada, daquela ata mañá.

Valerio agardaba por Estela na sala da redacción. Os demais aproveitaron para saír un chisco antes, que non todos os días se tiña esa sorte.

  • Mañá pola tarde terás o teu aumento de nómina, apóstoche unha cervexa.
  • Vexo que segues coa lideira, Valerio. Pois acepto a aposta.
  • Moitas gracias, podes ir preparando os cartos. E agora voume, que agardan por min.
  • Veña corre, non vaia ser que Laura escape.

Quedou soa na redacción. Sentouse un intre no seu posto e quedou relendo aquel correo. Non o entendía. Procurou o Google e teclou “Hotel Roma”. Estaba situado nunha das mellores zonas da cidade pero ela nunca estivera dentro. Así que non estaba de máis saber como era, alomenos nas fotos da páxina web. Cando apareceu a páxina e percorreu a galería de imaxes, pensou que as cinco estrelas ben xustificadas estaban. Nunca estivera nun hotel desa categoría, e polo menos mañá entraría nun, aínda que só fose na cafetería. De sócato, lembrou a Marco. Era unha boa ocasión para quedar con el e darlle as entradas, xa que non conseguira a foto adicada. Colleu o móbil e chamouno. Despois de varios pitidos escoitou a súa voz.

  • Hola Estela ¿que tal todo?
  • Moi ben, teño algo para ti. Podémonos ver?
  • Pois claro, quedamos no París, fronte ó taller de meu tío. Pero tes que darme media hora, que estou cunha amiga que viu ver un coche.
  • Dacordo. Vémonos alí.

Preguntouse quen sería esa amiga. Pensou que tanto tiña, dicíndose a si mesma que semellaba celosa, que talvez Marco lle gustaba máis do que pensaba. Decidiu que iría camiñando, que dende o periódico ata alí non levaba máis dun cuarto de hora.

Recolleu todo e saiu. Abaixo viu algo que non quería. Pedro Rocha semellaba agardar e Carla non lle quitaba o ollo de enriba. Colleu o móbil e fixo que falaba, e ó pasar por diante escoitáronlle dicir “vale, vale, si, en dez minutos, perdón…un intre” e tamén aqueles ata mañá Carla, ata mañá Pedro, e de seguido “xa estou outra vez contigo…” xa saíndo pola porta. Desta vez, ceibárase do ofrecemento.

Foi percorrendo as rúas e ollando escaparates ata chegar puntual á cita. Entrou no París sen dubidar. Marco estaba sentado nunha mesa do fondo. Achegouse e viu na mesa o libro aquel, o “Territorio da desaparición”. O corazón deulle un chouto no peito.

  • Meu Deus, Marco. Graciñas, “admirador segredo”.
  • Gustouche? Síntoo, pero non quería erguer sospeitas. Atopei as fotos por casualidade e pensei que che gustarían. Foi fácil saber que o Pedro Rocha está no voso xornal. Cousas do señor Google. Por certo, tes que ler o libro. E lembra que temos unha conversa pendiente, pero agora non, que temos que falar doutro asunto sen falta.
  • Perfecto, pero antes devólvoche o sobre. Ten algo para ti.