Capítulo 26. Cousas que pasan nun coche.

capt. 26
Capítulo 26. Cousas que pasan nun coche.

Os dedos nerviosos de Marco abriron o sobre e atoparon as dúas entradas para a sesión inaugural do espectáculo de Abali Mareno.

  • capt. 26Non sei que dicir Estela, de verdade, estou abraiado. E isto?
  • En compensación pola axuda, que non souben que era túa ata agora. Como non puiden acadar a fotografía asinada, coido que podes darlle esas entradas e quedarás mesmamente coma un rei.
  • Xa case que me dará o ceo, seguro. E que leve a quen queira se o meu pai non quere ir. Aínda é mellor isto que a foto dedicada.
  • Mira, eu non quería dicirche nada, pero é posible que aínda consiga esa foto que me pediches.
  • Vas de broma ou de serio? Veña, conta, conta.

E a conversa mudou nun longo monólogo de Estela, arredor da rolda de prensa, as preguntas, o aperitivo, o sobre e a cita para verse coa Abali Mareno no Hotel Roma. Os ollos de Marco non daban creto, non despegaban da ollada a Estela, que se reflectía nas meniñas del coma nun espello.

  • Iso vén sendo todo, Marco. Así que mañá coido facer a primeira entrevista da miña vida.
  • Paréceche pouco? É abraiante.
  • Por certo... De que outro asunto tan importante tiñas que falarme?
  • Si, si, moi importante. Todo un descubrimento. Lembras o accidente do teu xefe, coa morte de Maca Coirós?
  • Claro que si, xa non sei cantas veces escoitei a historia.
  • Pois resulta que sei onde está o coche no que viaxaban.

Unha idea repentina atravesou o maxín de Estela. Como unha luz fuxidía, leu entre liñas a insinuación de Marco.

  • Non me digas que teu tío mercou o coche para arranxalo. É iso?
  • Si, xa vexo que non se che escapa. Por unha desas casualidades da vida sóubeno hoxe, fedellando na web do voso xornal. Vin as fotos da edición dixital do día despois do accidente. Aquel feixe de ferros retortos era igual que o do taller de meu tío. Se queres achegámonos a velo. Meu tío agarda por nós. Por certo, hoxe convido eu.

Marco achegouse á barra e pousou un billete de cinco euros. Recolleu o cambio e saiu na compaña de Estela, cruzando a rúa cara o taller no que o rótulo “Dancho Novo” salientaba polas súas cores chamativas.

O tío de Marco traballaba unhas pezas no banco. Ó velos, deixou a tarefa e achegouse para saudalos. Xuntos os tres, foron ver o coche que agardaba ser reparado na traseira do taller. Estela tivo unha dúbida e quixo resolvela.

  • Perdoe, señor Xosé, o accidente foi haberá un ano. Como é que ten o coche agora?
  • Filliña, este mercado éche así. Os coches sinistro total poden botar meses no desguace. Un cliente pediume un coche pequeno e ó único que atopei foi este. Ten moito arranxo, pero aínda así aforrará a metade do que vale un novo. Xa sabes que aquí sómosche moi serios.
  • Pero a cousa do asunto non esta aí. Meu tío atopouse con algo que non contaba.
  • Con algo como que, Marco?
  • É mellor que fagas o xuízo ti mesma. E tamén unhas fotos.

O coche estaba pousado no chan sobre un costado. O señor Xosé amosoulle algo prendido duns cabos nos baixos do coche.

  • Son restos de luvas de plástico. Alguén manipulou o sistema de freos do vehículo. De non ser así, non entendo que fan aquí.
  • Ou sexa, que no fondo de toda isto hai…
  • Un intento de asasinato, neniña. Pero xa chamei á Policía. Teño dous amigos alí. Mañá veñen ver isto e xa che contará Marco. De momento, moita discreción, rapaces.

Estela pensaba que algo así non podía ser posible. Díxolle a Marco que estaba cansa e que marchaba para casa, pero antes decidiu facerlle unhas fotos co móbil a aquel coche e ás luvas, que levaban un ano agardando alí.