Capítulo 28. O regreso ó xornal.

capt. 28
Capítulo 28. O regreso ó xornal.

Estela chamou á casa para dicir que non ía xantar, que non agardaran por ela. Abali pedíralle discreción e o recepcionista chamou un taxi que as recolleu no garaxe do hotel, capt 28fóra da vista da xente. Estela deulle indicacións ó taxista (lévenos a Tascandil, na Rúa Vella, por favor) e despois seguiu conversando con Abali. Unha conversa que se alongou durante todo o xantar e da que Estela non deixaba de tomar notas. Despois de dúas copas de viño, Abali pasouse ó castelán, deixando aquela mistura de galego arxentino.

  • Chica, pídele a uno de éstos que nos tiren unas fotos. Hace tiempo que no disfruto tanto como hoy.
  • Iso está feito. Mesmo nos vale o dono do local. Pepe, a ver, fainos unhas fotos aquí, a nós as dúas.

Dilixente, Pepe achegouse e tirou dúas ou tres fotos e despois retirouse.

  • Mandámelas a este correo electrónico –dixo Abali, dándolle unha tarxeta–. Ahí tenés también mi teléfono privado. Llamame cuando queráis. Y debemos irnos ya, es tarde…
  • Case que si, eu aínda debo pasar polo xornal.

Estela convidou á comida e chamou un taxi. O camiño de regreso ó hotel, foi unha conversa pausada.

  • Espero que tengas material suficiente para tu entrevista.
  • Creo que terei para un serial enteiro, Abali, moitas gracias.
  • No hay que darlas. No me gustó como se portaron contigo. Si no hiciera tan bien su trabajo, la echaba, te lo juro.
  • Non te preocupes, vou ben pagada dabondo.
  • Por cierto, acabo de recordar que me llegó un comentario después. Antes de casarme con mi ex, el estaba liado con una secretaria de un periódico de acá. No sé más. Pero puede resultarte interesante para ti. Tendrás que averiguarlo.

O comentario de Xoán días atrás chegou á memoria de Estela: a Potita liada co Pedro Rocha. Pero non podía ser. Era unha tolería. Sería con outra. Chegaron ó hotel e Abali mandou avisar ó seu cuarto e falou con alguén. Estela mandaba agardar ó taxista. Ó pouco baixou unha das asistentes de Abali cun sobre na man. Tirou del unhas fotos e asinounas “Para Pilar, con mucho cariño. Abali Mareno.”

  • Toma, para la madre de tu amigo. Aquí me despido. Llámame cuando queráis, en el fondo, sabes, me siento sola.

Déronse dous bicos nas fazulas e despedíronse. Estela entrou no taxi. Por favor, ó Voceiro do Norte con toda a présa que poida, díxolle.

Chegaron en dez minutos. E Estela entrou ás carreiras para chegar á redacción. O equipo completo de local agardaba por ela.

  • Por fin –dixeron todos.
  • Non sabedes as novidades que traio.

E empezou a contarlles. Valerio asubiaba baixiño de cando en vez, Vicente escoitaba enmudecido, Bernardo nin pestanexaba e Conchiña non perdía chisca da conversa. Todos estaban abraiados, e máis cando lles amosou na cámara as fotos do xantar que tiveran e aínda máis cando souberon que tiña a súa tarxeta persoal co teléfono e enderezo electrónico.

  • Por certo, faloume do Rocha. Sabedes que despois de deixala, seica tivo un lío cunha secretaria dun xornal de aquí?

Houbo un intre de silencio e facianas abraiadas a máis non poder.

  • Eu si, seino, e seino da propia interesada –dixo Conchiña.
  • E quen é? Pódese saber? –preguntou Valerio.
  • Potita. Duroulle ata que Maca chegou ó xornal.
  • Pensei nela cando Abali mo dixo, por un comentario que me chegou hai días. E agora teño que ir a ver a Paco.

Petou na porta e entrou. Estivo un longo intre repetindo a historia, parándose nos detalles. Cando saíu procurou a Valerio.

  • Déboche unha cervexa, Valerio.
  • Si, xa o sabía, parviña. E o salario son mil euros.
  • Vaia, entón seica che debo dúas.
  • Pois nada muller, imos, que enfrían.