Capítulo 29. Amistades perigosas
Ó día seguinte, Estela chegou á redacción pensando en darlle xeito a todas as notas e as gravacións que fixera da entrevista, para compoñer o traballo. Mais toda a noite lle roldara unha idea pola cabeza e non fora quen de desbotala. Así que en canto viu entrar a Paco Lousa no seu despacho, presentouselle alí sen dubidalo.
-
Por diante o meu agradecimento, Paco. Polo do aumento do salario.
- É mérito teu, rapaza. Merécelo, e nada máis. Dime, a que viñeches?
- Verás Paco, teño algo importante que quero preguntarche.
- A ver neniña, a ver. Que pasa?.
- Lembras o día cando entrei no periódico, que me contaches toda a historia do accidente?
- Muller, se coma quen di, hai un nada. Pois si, lembro. Por que?
- Quería saber se algunha vez tiveches unha mínima dúbida de se realmente foi un accidente ou non, Paco.
- Pois non, non a tiven. Por que?
- Por nada, entón, por nada. Gracias Paco.
Estela saíu do despacho e sentouse no seu lugar. Traballou arreo ata que Conchiña a convidou a un café que lle trouxo da máquina e parolaron un intre arredor de Potita e do seu lío co Pedro Rocha. Foi entón que o móbil de Estela empezou a soar.
- Estela, preciso falar contigo. Dúas cousas: a conversa que temos aínda pendiente e outra. Podemos xantar xuntos?
- Gustaríame, Marco, pero teño moito traballo aquí, pondo en limpo a entrevista, que xa che contarei. Teño as túas fotos e dedicadas como querías.
- De verdade? Moitas gracias. Entre as entradas e isto, xa gañei o ceo para sempre coa miña nai. Entón mándoche un correo cunha cousiña.
- E a outra?
- A outra é arredor do coche e as luvas. Xa sabemos cousas. Seica aínda a policía non se explica como se conservaron tan ben, pero atoparon impresións dixitais e teñen detido a un tipo o que alcuman O Xitano, pola cor da súa pel. E cantou máis que Pavarotti nun recital, Estela.
- Que conto me estás contando, Marco?
- Acouga, Estela, acouga. O home falou, e falou, e volveu falar. Houbo unha muller coñecida del que lle pagou para manipular os freos do coche. A ver se me entendes, para provocarlle un accidente ó usuario. Mais as cousas saíron como non debían.
- E que máis sabes? Porque vas ter que vir traballar ti ó xornal.
- Déixate de bromas, que a cousa é seria. A muller está identificada…
- E ti xa sabes quen é ¿non si?
- … non, non o sei, que tanta información confidencial non lle deron ó meu tío. Pero si saben que a van deter esta tarde. No lugar onde traballa.
- Marco, estasme deixando aparvada.
- E máis que vas estar, Estela, cando cho diga.
- Cando me digas o qué?
- Estela, traballa no teu xornal. E agora teño que deixarte, que hai moita xente aquí. Por favor, le amodo o meu correo. Deica logo, xa falaremos.
- Está ben, Marco, chámote eu pola tarde ó saír. Sinto non poder xantar contigo, porque me apetecía. Ata logo.
As cousas viñan sempre por onde menos se podían agardar. Non o puido evitar: pensou mal á mantenta. Dadas as circunstancias debía ser Potita. Quen se non? Coas ideas fervéndolle no maxín, ergueuse da cadeira e volveu ó despacho de Paco, que a mandou pasar.
- Paco, síntoo moito, de verdade, ó mellor non che gusta, pero teño que dicirche unha cousa que acabo de saber e que non son capaz de aturar dentro de min.
- A ver cal, Estela. Comezas a preocuparme. De verdade.
- Paco, teño a confirmación de que o teu accidente foi provocado. Así de sinxelo. A información é verídica. Non sei xustamente cando, pero van a deter a unha persoa aquí no xornal. E non podo contarche nada máis.