Capítulo 4. A conversa.

cap. 4
Capítulo 4. A conversa.

Marco entrou na cafetería e procurou axiña a mesa de Estela. Degoiraba sentarse á beira dela e tela fronte a fronte. Realmente bebía os ventos por ela.

cap. 4Xa sentado pediu un café con leite e principiou a conversa sen demora.

  • Pois... Lamento non dicirvos nada pero foi pola razón que che dixen antes. Aprobei a oposición e collín esta praza.
  • Home, alédome moitísimo. Xa terías boa nota, porque non é doado acadar unha praza na propia cidade. Aínda que vindo de ti... sempre fuches un “number one”.
  • Muller, non me queixo. Pero si, digamos que quedei de segundo na oposición, que para os efectos era como ser o primeiro, pois este era da Coruña e por iso colleu unha praza na zona, en Betanzos. E que me contas de ti?

Fixo un alto para darlle un sorbo ó café con leite. Tamén para botar unha rápida ollada ó reloxo e coidar de non excederse no tempo, que non conviña porque quería dicirlle o importante a Estela.

  • Pois eu... teño novidades importantes.
  • E pódense saber?
  • Claro que si. Veño de rematar a carreira. Na derradeira asignatura acadei un notable e gracias a iso, pois viu engadido un traballo.
  • ¡Demo! Iso si que é unha boa noticia. Que tipo de traballo?
  • Nun xornal; competía con Alberte, María e Carlos. Escolléronme a min. E para máis desgracia eles suspenderon. María está desolada, así que se podes chamala, dalle ánimos, que boa falta lle fan. Empezo a traballar mañá, por iso precisaba a tarxeta. Porén, comezo cun contrato de prácticas, xa sabes que a empresa privada non é o mesmo que a administración. Tentarei de facelo o mellor posible para afianzarme no posto e acadar un mellor contrato. Senón en calquera caso quedará para facer currículo. De momento non sabería dicirche que esperan de min e cal será o meu cometido. Espero que algo máis que facer fotocopias e pasar artigos a limpo ou corrixir textos. Gustaríame saír á rúa, ter a posibilidade dunha reportaxe ou tamén fotos, non sei, hai moitas cousas que me atraen, mais todo se andará.
  • E cal é o xornal?
  • É certo, non cho dixen: O Voceiro do Norte. Debes coñecelo. Tiven moita sorte.

Marco ficou quedo e pensante un intre e a súa faciana mudou de cor. Estela decatouse e preguntou.

  • Que sucede, Marco?
  • Nada, ho. Alí traballou Maca, a irmá de Xurxo Coirós... ata que morreu no accidente, aínda que algúns falan que seica a atoparon morta na sala de infografía. Os pais están desfeitos. Xurxo tamén, pero anda facendo averiguacións. Así que se te enteras dalgunha cousa, por favor avísame.

Marco ollou fixamente para os ollos preocupados de Estela e tirou forzas para dicirlle algo que levaba tentando varios anos. Falou amodiño.

  • Estela, quería dicirche…

Non puido seguir. O son do teléfono móbil da rapaza fixo que calase. Ela estivo perto de dous minutos falando ata que se despedíu cun “despreocúpate mamá, xa vou eu agora mesmo e arranxo iso, déixao da miña conta”. Non acordou que Marco quería dicirlle algo.

  • Síntoo Marco, debo irme. Gustaríame estar máis tempo contigo pero hoxe non vai poder ser. Teño unha emerxencia que resolverlle a miña nai.

Deulle un bico en cada meixela e ergueuse escoitando como Marco lle dicía que marchara, que pagaba el e que xa falarían.

Por segunda vez en media hora vía como Estela o deixaba atrás e se volvía só unha figura con vaqueiros azuis e blusa branca. E outra vez máis quedaba coas súas intencións frustradas.