Capítulo 5. A primeira xornada laboral.

amores de diario 5
Capítulo 5. A primeira xornada laboral.

O espertador tocou vinte minutos antes de que debería, pero Estela calculou que ese era o tempo que precisaría para escoller a roupa do seu primeiro día de traballo. O día anterior non fora capaz de tomar unha decisión, da inquedanza que lle puxo no corpo o que lle contara Marcos e tamén o feito de atoparse fronte a fronte con este. Acaso non era que a ela tamén lle fixera ilusión velo? No fondo, non deixaba de agardar pola decisión de Marco de falarlle dunha vez. Aínda que a este paso seguramente tería que ser ela a que lle pedise de saír xuntos. Vaia parvada –pensou– son cousas de madrugar tanto, e con estas lerias xa perdín cinco minutos e aínda non sei que poñerme. A ver que hai neste armario…

amores de diario 5E no armario había de todo menos o que quería que houbese. A teima de deixar o traballo de pasarlle o ferro á roupa sempre para cando o seu canasto estaba ata os topes tiña esa desvantaxe. Así que tirou do armario o conxunto de falda e chaqueta de cor area, unha blusa crema e púxoos na cama. Despois colleu cara a ducha, ese seu ritual matutino que non lle levaba máis de cinco minutos. Cousa que a súa nai lle agradecía sempre... “menos mal, pois para lento e aparvado dentro da ducha xa temos ó teu irmán Pablo, o estoutizado ese que calquera día vai quedar durmido alí dentro”.

Secou o cabelo con aquel secador agasallo de seu pai no seu pasado aniversario. Peiteouse e foise vestir, pero ollou o conxunto pousado na cama e coidou que fixera unha mala elección; desesperada, optou por un sinxelo pantalón vaqueiro de cor negra e unha camiseta da mesma cor. Baixou á cociña a todo correr, pois comezaba a facerse tarde. Tomou o vaso de leite con cacao e un par de bolos prefabricados, dos que sempre viñan do super e nunca faltaban na casa. Volveu mirar a hora. Eran as oito e vintecinco e compríalle o tempo, malia que a parada do autobús estaba perto da casa, non fose que viñese con retraso. Ós dez minutos de ir no autobús, coidou ver a Marco polo beirarrúas, que debía encamiñarse cara o seu traballo de funcionario. Lembrou a conversa con el, o que lle dixera da morte de Maca. Non soubo polo que, pero con esa lembranza viulle ó tempo un lixeiro arrepentimento de terse vestido de negro para o seu primeiro día de traballo. Nun acto reflexo procurou ás apalpadelas dentro do seu bolso a pequena axenda que sempre levaba, abriuna e anotou, no día aquel que levaba xa varias horas consumíndoa, o nome de Maca Coirós e entre paréntese engadíu “irmá Suso, aparecida morta sala infografía; aprox. un ano”.

Ocupada a mente con ese detalle, baixou nunha parada equivocada, pero non lle importou. Quedaban aínda dez minutos para as nove e tiña tempo de sobra para chegar á redacción andando. Volveu arrepentirse de ir de negro. Á hora en punto, estaba nas oficinas do xornal dicindo que era a nova contratada e preguntando polo xefe de persoal. Mandárona pasar a unha sala de espera na que se dedicou a repasar as fotos penduradas nas paredes. Quedou estoutizada ó verse nunha foto, xunto con máis xente da clase do seu penúltimo ano de carreira. Nesas estaba cando se abriu a porta. Entrou un home vestido cun traxe escuro a raias e unha gravata de cor vermella. Ollou rápidamente para ela e presentouse:

  • Son Pedro Rocha, xefe de persoal, fai o favor de acompañarme.