Capítulo 6. Información local de sucesos

amores de diario 6
Capítulo 6. Información local de sucesos

Estela saíu a carón de Pedro Rocha, que lle ía falando polo camiño. Se a primeira impresión é a que conta, a que ese home lle estaba a causar non era boa dabondo. amores de diario 6Entraron na oficina de persoal, onde cumplimentaron os impresos de costume nestes casos, previas instruccións a un rapaz que estaba encargado desa cuestión e que se deu por enterado cun sinxelo “como vostede diga, Sr. Rocha”. Antes de falarlle, Pedro volveu ollar para Estela.

  • Non sei se cho dixeron, pero terás un contrato cun soldo de 600 euros mensuais, coas dúas pagas extraordinarias prorrateadas. É o estipulado no convenio para os contratos de prácticas. Das vacacións, no caso de querelas disfrutar, deberás acordalas co teu xefe directo. Se non puideres facelo, pagaríanchese cunha nómina extra. Ben... cando remates con isto, achégate ata Dirección e pregunta pola secretaria do director, que xa a coñeces. Eu por hoxe non teño nada máis que dicirche, para o que precises xa sabes onde estou.
  • Moitas gracias, tereino en conta, Sr. Rocha.
  • Para a próxima, podes chamarme sinxelamente Pedro.

Abriu a porta do despacho e meteuse dentro. Non pechou de todo. Sentouse na cadeira e pola fírgoa albiscaba a silueta de Estela.

O rapaz que a atendera era moi amable pero pouco falador. Díxolle que se chamaba Xoán e explicoulle como chegar ó despacho de dirección; díxolle tamén que xa se verían na sala do relax. Estela puxo cara de sorpresa.

  • Non esperes moito diso. Chamámoslle así ó cuarto da máquina de refrescos e dos cafés. Tamén hai uns botes de galletas que imos traendo nós. Ó primeiro convido eu, vale?
  • Proposta aceptada.

Estela despediuse e encamiñouse cara o despacho de dirección. Pensaba naquela secretaria toda repotingada, que a recibiu ledamente. Malia a impresión que quince días atrás levara dela, hoxe resultou ser unha persoa abondo agradable. Díxolle que o director non estaba, que saíra de viaxe moi cedo para unhas reunións importantes en Madrid. A xente andaba coa mosca tras da orella porque era a terceira vez en quince días que acontecía semellante cousa e pensaban, ela tamén, que trataban de vender o xornal a un importante grupo de medios informativos. Finalmente, deulle un sobre que o director deixara para ela, con instrucións precisas.

Estela colleu o sobre e abriuno. Dentro había un papel escrito e asinado polo director, con algunhas indicacións relativas ó funcionamento xeral do periódico e o papel que nel tiñan os contratados en prácticas. Dende aquel momento, debería incorporarse ó departamento de información local de sucesos, dirixido polo señor Paco Lousa.

A secretaria explicoulle por onde quedaba o departamento e tamén quen era o tal Paco Lousa, un bo home de sesenta anos que levaba xa un tempo pensando só na súa xubilación, pero non deixaba de ser un gran profesional no seu traballo.

De camiño para aquel departamento lembrou a foto da sala de espera e ela alí metida sen sabelo. A curiosidade proíalle en exceso e tentaría nun mellor momento tirar unha fotocopia daquela fotografía para facer algunhas averiguacións.

No despacho, Paco Lousa, home de aspecto doce e bonachón, agardaba por ela, previamente advertido tamén polo director da súa chegada.