Capítulo 8. O equipo de “Local”.

amores de diario 8
Capítulo 8. O equipo de “Local”.
  • E abonda xa, que arestora temos que falar de ti, non deste medio home. Así que remataches a carreira a curso por ano, segundo este expediente.
  • Si. Deume algo de traballo, moitas horas de estudo e dedicación, deixando outras cousas á marxe.

amores de diario 8A faciana de Paco Lousa mudou por un intre cara a tristura mentras repetía para si as dúas últimas palabras de Estela “á marxe, á marxe”.

  • Dixen algo improcedente, señor Lousa?
  • Non, neniña, non. Lembraba a Carlos, hai un feixe de anos escribía aquí unha columna semanal con ese título “Á marxe”. Durou pouco, porque o fichou a competencia, nada menos que La Voz de Galicia. Pero claro, alí a columna era diaria, e xa se sabe que non é o mesmo. Quedamos grandes amigos e xuntabámonos no Alameda cando eu ía a Vigo. Seguro que sabes de quen falo. Era un escritor de moita sona. Perdoa, pero as lembranzas voltan a miña cabeza cada vez con máis facilidade. Será que me vou facendo vello. Ben, sigamos. Podo saber as túas aspiracións?
  • Sempre quixen traballar nun diario ou nunha revista de información xeral. Facer algo da carreira que estudiei. A televisión non me gusta.
  • Podo saber por que?
  • Non llo sei exactamente. Quizais porque a vexo pouco. Só me gusta o cine, algunhas series e comedias de situación. Hai moitos programas cheos de baleiro que non din nada. Pero en realidade é que tampouco me gusta moito ver a “tele”. Vai ser iso, non me imaxino traballando nun medio onde o que hai non me gusta.
  • Unha opinión interesante a túa, Estela. Pois a ver se hai sorte e quedas aquí moitos anos. Dependerá de ti. De momento, estás adscrita ó meu departamento. Cubrimos a información local, como xa podes supor. Sobre todo sucesos. Ás veces, misturamos no mesmo eido cousas que máis ben entrarían noutra sección, pero a realidade é a que manda. Dixeches que tamén che gustaría traballar nunha revista de información xeral.
  • Certo, dixen que me gustaría.
  • Mira, aquí somos un equipo. Entre todas as seccións do xornal facemos un suplemento semanal propio en formato revista. Somos o único diario de tirada non nacional que o fai. Cada semana elaboramos unha reportaxe a elección dun de nós, eu incluido. Como contigo somos seis, vaiche tocar unha cada seis semanas. Isto seguro que non o agardabas. Que che parece?

Estela dubidou antes de contestar. Comezaba a traballar nun xornal e de rebote a escribir nunha revista. Estaba abraiada. Que máis se podía pedir?

  • Paréceme ben. Gracias pola confianza, señor Lousa.
  • A confianza é que aquí todos somos un equipo, e importamos todos, dende ti ata min. E polo tanto a partir de agora, por favor, chámame Paco, Lousa, Francisco, como queiras. Pero deixa o de “señor” e nin se che ocorra o de “xefe”. Ven canda min, vouche presentar ós demais.

Saíron ó corredor. Paco Lousa movíase na súa cadeira motorizada cunha grande facilidade. Chegaron á porta da “Sala de redacción. Área Local.” que Lousa empurrou cos pés suxeitos na cadeira. Aquela porta reformárana despois do accidente para que el puidese entrar sen dificultade e non tiña pechadura. Detrás del pasou Estela.

  • A ver, todos, prestade atención. Aquí está Estela, a nova compañeira.

Escoitouse un Benvida, Estela, de comentario xeral. Paco Lousa avanzou por entre as mesas separadas en dúas filas e foille presentando á xente.

  • Estela, este é Vicente; este, Valerio; esta é Conchiña e este, Bernardo. E xa quedas aquí con eles. Vémonos á tarde na reunión do grupo.