2021 será o ano de Curros Enríquez

Padroado Curros Enríquez
2021 será o ano de Curros Enríquez
A Fundación Curros Enríquez centrará actividades en 2021 no 170º aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez
O Padroado da Fundación Curros Enríquez, reuniuse na mañá de hoxe, 10 de abril de 2021, na Horta da Palabra da Casa dos Poetas coa presenza, entre outros membros a título persoal como Xosé Benito Reza, Felipe Ferreiro Feijoo e outros, de representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da Deputación Provincial de Ourense, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Vigo e do Concello de Celanova para, ademais, de aprobar as actividades e contas de 2020 para debatir o programa de actividades que se desenvolverá durante 2021, aprobar o orzamento anual e renovar o compromiso institucional de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova.

O Padroado da Fundación debateu sobre un ambicioso programa de actividades que vai máis alá dun mero programa anual e que pretende servir de guión de traballo para o funcionamento continuo da entidade coa organización de presentacións de libros, audiovisuais, exposicións, actividades para nenos e nenas, e no que se agarda poder retomar as visitas e actividades destinadas a grupos escolares e de outras entidades culturais e sociais.

En 2021 se celebrará o 170 aniversario do nacemento de Manuel Curros Enríquez para o cal se preve a organización de diversas actividades no mes de setembro entre as que se atopan a 2ª Semana de Fotografía analóxica que incluirá un concurso, un obradoiro, un foro de xornalismo e unha exposición, xirando a temática desta edición no poema de Curros “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, coincidindo ademais que 2021 é o Ano Europeo do Ferrocarril e que se prevé a chegada do AVE a Ourense. Tamén se terá en conta a celebración do 700 aniversario da publicación de “A divina comedia” de Dante, en relación con “O divino sainete” de Manuel Curros para promover a realización dun ciclo de cine sobre os sete pecados capitais.

Tamén se adoptou a decisión de continuar no apoio da xestión turística de Celanova coa atención anual da Casa dos Poetas e dos espazos museísticos de Vilanova dos Infantes, a continuación na promoción de distintos paquetes turísticos adaptados agora a formatos de pequenos grupos como será o roteiro “Celanova; pedra e poesía”, así como a oferta de actividades culturais de atractivo literarias e musicais en colaboración co Concello de Celanova, a Parroquia de San Rosendo, a Banda de Música de Celanova e as asociacións a ela ligadas e outras.

Como valoración da actividade e funcionamento do ano 2020, destacouse o esforzo no mantemento da atención e organización de actividades que ainda que se viron reducidas polas circunstancias do ano con motivo da pandemia se valoraron como satisfactorias en xeral.