30 días de obradoiros tecnolóxicos en Xinzo

obradoiros3
30 días de obradoiros tecnolóxicos en Xinzo

O Concello ofrece aos mozos obradoiros tecnolóxicos de verán cos que poderán crear cinema 3D e videoxogos

Durante todo un mes –do 26 de xullo ao 27 de agosto- os mozos de Xinzo de Limia poderán encher o seu tempo libre nos obradoiros tecnolóxicos de verán que organiza o Concello en colaboración coa Deputación de Ourense. Unha novidosa iniciativa que lles permitirá crear cinema 3D e videoxogos, entre outras propostas. Trátase de ofrecer unha nova alternativa de ocio seguro a nenos con idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos ou entre os 10 e os 16, dependendo das nocións que se vaian a impartir. As actividades desenvolveranse na aula Cemit da Casa da Cultura, en horario de 10.00 a 13.00 horas e as prazas estarán limitadas a 10 rapaces por grupo, polo que os interesados deberán inscribirse antes do 23 de xullo.

obradoiros2A última semana de xullo –do día 26 ao 31- os obradoiros centraranse na creación de xogos con realidade aumentada, mesturando imaxes reais con outras virtuais empregando a ferramenta Metaverse Studio.
A primeira semana de agosto, os obradoiros xirarán en torno ao Streaming Gaming, e os participantes aprenderán a realizar a cobertura en directo de streaming de eventos e videoxogos.
Ata un escape room poderán realizar os mozos na segunda semana de agosto. Trátase de propoñer un misterio que o usuario debe resolver, converténdose así en protagonista dunha historia que o conducirá a través de distintos retos ou probas nos que terán que utilizar as súa actividades e coñecementos.
Do 16 ao 20 de agosto os rapaces achegaranse ao cinema 3D a través de conceptos fundamentais da programación no contexto da creación dunha película animada ou un videoxogo sinxelo con Alice 3.0. Este software subministra unha serie de obxectos tridimensionais (persoas, vehículos...) que forman parte dun mundo virtual.

A última semana, do 23 ao 27 de agosto, os obradoiros ofrecerán nocións sobre a creación de videoxogos con Scratch, o que permitirá aos rapaces programar as súas propias historias interactivas, xogos e animación. A través de Scratch, os pequenos aprenderán a pensar de forma creativa, a razoar sistematicamente e a traballar de forma colaborativa, actividades esencias para a vida.