Andrés Calamaro, Baiuca, Carlangas e Shinova ou Depedro o 26 e 27 en Benposta

Presentación da VIII edición do Ouren Sound Fest
Andrés Calamaro, Baiuca, Carlangas e Shinova ou Depedro o 26 e 27 en Benposta

No variado programa destacan tamén outras propostas como Cariño, Ciudad Jara, Juancho Marqués ou Fillas de Cassandra

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou esta mañá na presentación da oitava edición do Ouren Sound Fest, unha cita cos máis diversos estilos musicais, protagonismo para a música galega e a presenza destacada de Andrés Calamaro, que se celebrará en Benposta os días 26 e 27 de maio coa Deputación como patrocinador principal.

César Fernández interveu esta mañá na presentación do festival, celebrada no NH Ourense, xunto ao organizador do Ouren Sound Fest, Rubén Varela; o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, e o responsable de marquetin de Mahou en Ourense, Chus Saez. No acto de presentación tamén estiveron, entre outros, o membro da organización Roberto Álvarez e o representante de Rodosa, Rafael Estévez.

-11.00 horas: Presentación da VIII edición do Ouren Sound Fest .- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participa na presentación da VIII edición do Ouren Sound Fest, que se celebrará en Ourense o 26 e 27 de maio de 2023. Tamén participan Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense), Roberto Álvarez Cid e Rubén Varela Cruz (Organizadores do Festiva), Armando Ojea Bouzo (Tenente de alcalde do concello de Ourense), Chus Saez Varela (Marketíng de MAHOU-San Miguel en Ourense) e Rafael Estévez González (Representante de RODOSA). Lugar: Terraza do NH Ourense.
Presentación da VIII edición do Ouren Sound Fest

César Fernández recoñeceu o traballo da organización para dar forma a este festival, “que confirma a importancia da cultura como motor do territorio, nunha liña de traballo que debe contar coas institucións públicas”.

Nesta mesma liña, tanto o delegado da Xunta como o tenente alcalde do Concello de Ourense resaltaron a importancia da cooperación institucional.

Pola súa banda, Rubén Varela definiu esta edición como “a máis grande e ambiciosa da historia do Ouren Sound Fest”, incorporando a xornada de benvida do xoves e apostando por figuras como Andrés Calamaro e referentes da música galega como Baiuca, Carlangas ou talentos emerxentes como Fillas de Cassandra.

Seis actuacións na xornada do venres, con Baiuca, Carlangas ou Ciudad Jara

A programación musical comezará o xoves, 25 de maio, cunha festa de benvida gratuíta nos Xardíns Padre Feijóo. Estarán Fillas de Cassandra (20,00 horas) e Dj Amable (de 21,30 a 23,30 horas).

O primeiro día en Benposta, venres 26 de maio, comezará coa actuación de A Banda da Loba, a partir das 20,00 horas. Despois, o público poderá escoitar a Ciudad Jara, liderado polo cantante e compositor Pablo Sánchez, cun estilo fluído entre guitarra, poesía, canción popular e sátira social. Tamén estará o rapeiro Juancho Marqués, un dos símbolos máis recoñecidos do hip-hop español. O segundo concerto do día con pegada galega chegará da man de Baiuca, que mestura a tradición da terra coa música electrónica e despois chegará Carlangas, que trala disolución de Novedades Carminha continúa a súa carreira musical en solitario, aproximándose á música urbana. O venres rematará con Galician Army, dúo de DJs galegos que procuran fusionar distintos xéneros, aínda que o seu estilo céntrase no house.

Andrés Calamaro protagoniza a xornada do sábado

A xornada do sábado, 27 de maio, estará protagonizada por unha das iconas do rock das últimas tres décadas, Andrés Calamaro. Será en Benposta a partir das 22,10 horas.

A programación musical desta terceira xornada do OurenSound Fest arranca co grupo galego de garage The Rapants (19,00 horas) e Depedro (20,20 horas), outro referente do rock mestizo con colaboracións do nivel de Calexico. As dúas últimas actuacións da noite serán Shinova, grupo vasco de rock alternativo, e Cariño, unha banda feminina de musica indie pop con letras naturais e irónicas.

Tanto o venres como o sábado, a música terá sempre presenza gracias a La Duendeneta, unha original e divertida discoteca móbil vintage habilitada nunha furgoneta. E o domingo, pecharase esta edición do Ouren Sound Fest coa actuación de Brais das Hortas, enfocada aos nenos, nos Xardíns Padre Feijóo -gratuíta-.

Nos máis de 60.000 metros cadrados dispoñibles haberá zonas de acampada, área para furgonetas, áreas de recarga para dispositivos electrónicos, foodtrucks e zonas de restauración. A organización tamén remarca a posibilidade de achegarse a Benposta a través do transporte urbano (liñas 14 e 33) para evitar saturacións de tráfico.