"Os camiños da vida" de Manuel Traveso, xa se poden contemplar en Vilar de Santos

IMG-20211105-WA0022
"Os camiños da vida" de Manuel Traveso, xa se poden contemplar en Vilar de Santos
No Museo da Limia todos os sábados e domingo de 11:30 a 13:030 e de 16:00 a 18:00

A piques de escapar das gadoupas da pandemia, o Museo da Limia engalana novamente os seus cuartos e as robustas paredes coas creacións e achegas de artistas e actores nitidamente vinculados ás Terras do Limia, para darlle cumprimento entusiasta ao obrigado encontro coa veciñanza, as súas xentes e as súas cousas. E facémolo, neste ansiado reverdecer cunha contribución pictórica do veciño, Manuel Traveso que nos deleita cunha brazada de obras fabulosas, agrupadas baixo o título Os camiños da vida: retratos, paisaxes, labores agrarias e artesanais que, amais da súa calidade artística indiscutíbel, pretenden −e consiguen− facernos mirar no espello da historia para axudarnos a comprender mellor o noso pasado máis recente que se atopa con absoluta naturalidade co cotián do presente.

A exposición consta de 18 láminas pintadas á pluma e incorpora debuxos novos á que xa foi visitada na Casa de Cultura de Sandiás, o seu concello natal, e agora camiña ata o Museo da Lima, en Vilar de Santos, de onde é a súa dona e onde pasa unha boa parte dos días.

A tulla creativa de Manuel Traveso, acugulada de estampas etnográficas confúndese cos contidos e a policromía das salas do Museo da Limia, para formar un conxunto de matices que conclúe nunha perfecta harmonía entre os cadros do autor e as ferramentas e utensilios dos tempos pretéritos que se recrean na nosa memoria.

Manuel Traveso Santana, vive entre Ourense, Vilariño das Poldras (Sandiás), onde naceu e Vilar de Santos, é funcionario da Deputación xubilado e ten formación de topógrafo, delineante, mestre Industrial. estudou na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela e graduouse en Deseño na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense. A súa obra comeza a desenvolverse a partir de 1990 e amosa o constante compromiso coa xente do mundo rural, co seu medio e cos labores e tradicións vinculadas á aldea.