miércoles 22/9/21

O Concello recupera esta fin de semana a Foliada Antelana, con pasarrúas, obradoiros e concertos

O aforo será controlado e para asistir é necesaria inscrición previa
foliada
foliada

A iniciativa, que cumpre a súa terceira edición, levarase a cabo na Alameda do Toural en colaboración co Casino Antelano.

Unha aposta pola tradición musical galega fai o Concello de Xinzo, a través da concellería de Cultura que dirixe Ramiro Rodríguez, e en colaboración co Casino Antelano, que para esta fin de semana recuperan na Alameda do Toural a Foliada Antelana, un ciclo que chega a súa terceira edición colleitando gran éxito.

A programación comezará mañá ás 12.30 horas cun pasarrúas a cargo dos alumnos e alumnas das aulas de canto, pandereta e baile. Para as 16.00 horas prevese un obradoiro sobre o baile solto nas comarcas de Muros e Fisterra e, a partir das 20.30 horas, ofreceranse dous concertos. O primeiro leva por título “As Cantigas de Elena” e recompila melodías recollidas a Elena Alonso Pino, por parte de María Vidal, Pichi Abollado e o seu neto, Pipo Alvariño. Tamén está prevista a actuación de Comando Curuxás, cunhas melodías que lembran ás antigas romarías. A intención do grupo é que o público se divirta, que goce coa súa música e baile. Para asistir a ambos concertos será necesario inscribirse previamente no enlace que se está a difundir nos carteis da Foliada: xinzo.gal/r/foliada

contacontosA iniciativa continuará o domingo, a partir das 10.00 horas, co obradoiro que leva por nome “Pel, madera e ferro. Son na Tradición Limiá”. A partir das 13.00 horas está previsto un pasarrúas a cargo do cuarteto Cidade de Antioquía.

Tamén para o domingo programouse en espectáculo dirixido aos máis pequenos da casa e perfecto para compartir tempo en familia. Trátase do contacontos “A viaxe da osa Maruxiña”, que comezará ás 19.00 horas na praza de San Roque. Tamén será necesario inscribirse previamente no seguinte enlace: xinzo.gal/r/maruxinha

Mediante o rexistro previo, o Concello controlará o aforo de forma exhaustiva. Será obrigatorio o uso de máscara.

O parque Galicia será o escenario no que se celebrará o Día da Patria, a partir das 12.00 horas, cunha ofrenda floral e a lectura dun manifesto.

A programación cultural de verán do Concello de Xinzo ten moito que ofrecer e proseguirá a próxima semana cos Obradoiros Tecnolóxicos, dirixidos a mozos de entre 7 e 16 anos e nos que poderán crear videoxogos ou cinema en 3D, entre outras propostas de interese.