Convocado o concurso de contos de medo- SAMAÍN 2021 en Xinzo

Cartel samaín 2021
Convocado o concurso de contos de medo- SAMAÍN 2021 en Xinzo

As obras estarán relacionadas coa tradición celta e deberán escribirse en galego cunha extensión máxima dunha páxina

Fomentar a lectura entre os máis novos e transmitir a tradición celta do Samaín. Son os dous obxectivos que persegue o Concello de Xinzo de Limia que, a través da concellería de Cultura que dirixe Ramiro Rodríguez, convocou a segunda edición do Concurso de minicontos de medo e terror. Establécense dúas categorías –infantil e xuvenil- e os galardoados –tres por cada categoría- recibirán un total de 600 euros en vales para mercar nas librarías do municipio.

cartel(1)Segundo as bases do certame, que xa se poden consultar na páxina web do Concello, as obras deberán estar relacionadas coa tradición celta do Samaín e ser orixinais, escritas en galego cunha extensión máxima dunha páxina tamaño A4. O prazo de presentación rematará o día 30 de outubro ás 24.00 horas.
En canto á presentación dos traballos, terán que ser enviados ao enderezo de correo electrónico da concellería de Cultura: cultura@xinzo.gal. No mail haberá que incluír o título do conto e os datos do autor ou autora. Tamén se poden entregar manuscritos ou impresos en papel nos centros educativos ou na Casa da Cultura.
O xurado estará composto por persoeiros relacionados co mundo das letras e polos directores e directoras dos centros educativos, CEIPs e IES do concello ou persoas que designen. Como secretario, sen voto, actuará o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, que levantará a acta da decisión do xurado.
Segundo as mesmas bases, establécense tres premios para cada unha das categorías. O primeiro premio será un vale de compra de 150 euros nas librarías de Xinzo; o segundo terá a cantidade de 100 euros e o terceiro de 50 euros. Ademais, cada galardoado recibirá un diploma e un agasallo orixinal de Limisi.