A criminoloxía e a análise de pegadas serán o reclamo dunha nova cita cas xornadas para maiores que promove a USC en Xinzo

criminologia_recortada-min
A criminoloxía e a análise de pegadas serán o reclamo dunha nova cita cas xornadas para maiores que promove a USC en Xinzo
Durante a mañá farase unha introdución teórica á política criminal mentres que pola tarde está prevista a resolución de casos prácticos

Do patrimonio cultural de Xinzo á criminoloxía. A temática das xornadas de formación para maiores de 50 anos que promove a Universidade de Santiago de Compostela na vila diversifícase para atraer ao maior número posible de asistentes. A iniciativa, que leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia”, volverá a ter como escenario a Casa da Cultura en horario de 10:00 a 11:30 horas e de 16:30 a 18:00 horas. Durante a mañá desenvolverase un seminario que fará unha introdución á política criminal, mentres que pola tarde levarase a cabo unha sesión práctica para a resolución de casos e análise de pegadas dactilares. A experta Ana Moure Soengas, graduada en Ciencias Políticas e Criminoloxía, dirixirá a xornada.

A última sesión da programación está prevista para o 24 de abril e nesta falarase sobre as medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades no que poderán participar os asistentes cun debate. Sergio Cinza Sanjurjo, médico de Atención Primaria, dirixirá o encontro.