A derradeira sesión das xornadas formativas para maiores da USC en Xinzo dará as claves para evitar o contaxio de enfermidades

A derradeira sesión das xornadas formativas para maiores da USC en Xinzo dará as claves para evitar o contaxio de enfermidades
No seminario, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, incluirase un debate sobre as medidas preventivas que será dirixido polo médico de Atención Primaria Sergio Cinza Sanjurjo

A derradeira sesión das xornadas formativas para maiores de 50 anos que a USC promove en Xinzo de Limia centrarase mañá nun tema que non pode estar máis de actualidade. O seminario, que leva por título “Medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades” será dirixido polo médico de Atención Primaria Sergio Cinza Sanjurjo e incluirá un debate semiestructurado en horario de tarde. A Casa da Cultura volverá a ser o escenario desta iniciativa en horario de 10:00 a 11:30 e de 16:30 a 18:00.

As xornadas, que levan por título “Camiños de coñecemento e experiencia”, achegaron á vila temas que espertaron gran interese ao longo do mes de abril. Na primeira sesión púxose en valor o patrimonio cultural de Xinzo cunha ruta guiada e na segunda falouse sobre criminoloxía e política criminal, desvelándose incluso as claves coas que se realiza un bo interrogatorio. A iniciativa da Universidade de Santiago desenvolveuse por primeira vez na vila e está a resultar todo un éxito, xa que non só asistiron os inscritos, senón tamén veciños que quixeron participar como oíntes.

Desde o Concello manifestouse o desexo de que estas xornadas formativas se volvan a celebrar na vila en próximas edicións, xa que contan cunha interesante oferta cultural dedicada a un sector da poboación ás veces esquecido neste sentido.