domingo 22/5/22

Derradeira sesión do Programa de Maiores da USC en Xinzo

Incluirá unha visita guiada á Igrexa de Santa Mariña para poñer en valor o estilo románico
Torre igrexa Sta. Mariña-Xinzo
Torre igrexa Sta. Mariña-Xinzo

O seminario, que leva por título “Dando luz ao románico... Escoitando o falar das imaxes petrificadas”, será impartido por Carolina Casal, doutora en arte medieval

Cartel xornadas USC maiores
Cartel xornadas USC maiores

A derradeira sesión do Programa de Maiores que se está desenvolvendo en Xinzo de Limia porá en valor o seu patrimonio cultural. Agárdase que o seminario esperte gran interese entre os participantes, xa que se inclúen dúas visitas guiadas. Da man da doutora en arte medieval Carolina Casal, descubriranse as igrexas de Santa Mariña e San Xoán, esta última en Vilar de Santos. O programa comezará as 10.30 horas e estenderase ata a 13.45 horas para demostrar todo o potencial destes dous concellos no referente a este tipo de arte.

O Programa Universitario de Maiores desenvolveuse ao longo deste mes de abril grazas a un convenio firmado entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Xinzo de Limia. Ofrecéronse distintas actividades formativas e culturais dirixidas a persoas de máis de 50 anos. Na primeira sesión afondouse no papel que desempeñan as familias na educación, mentres que na segunda o cine foi o gran protagonista e realizouse un achegamento á práctica documental.

A programación trata de posibilitar que as persoas de máis idade compartan e desenvolvan iniciativas docentes e de extensión cultural, propias do contexto social e institucional universitario, adoptando os criterios organizativos, normativos e metodolóxicos que cumpran para alcanzar este fin.