Dous espectáculos infantís ao aire libre e con aforo controlado

Actividades culturais fin de semana xinzo
Dous espectáculos infantís ao aire libre e con aforo controlado
Abrirán o programa cultural do mes de agosto en Xinzo, mañá sábado 31 e o domingo 1

Nesta primeira fin de semana na que agosto entra no calendario, os nenos de Xinzo de Limia serán os grandes protagonistas. A eles se dirixe a programación elaborada polo Concello, a través da concellería de Cultura. Dous espectáculos infantís e con aforo controlado farán do humor o mellor antídoto para esta época de incerteza na que os máis pequenos son os grandes prexudicados.

“A verdadeira historia de Hamelín” é a proposta que chegará o sábado á praza Carlos Casares”a partir das 20.00 horas. Para o domingo agárdase “A gran gala do circo, maxia e humor”, á mesma hora e no mesmo escenario. Trátase dun produto multidisciplinar onde a maxia, o clown, o circo e o humor se fusionan para ofrecer un espectáculo único ao espectador, conxugando a arte e a retranca galega. Os interesados en asistir a algunha das dúas propostas deberán inscribirse nos enlaces que figuran nos carteis que está difundir o Concello nas súas redes sociais. Para a iniciativa do sábado o enlace é xinzo.gal/r/mereclown, mentres que para a gala do circo a inscrición previa deberá facerse no seguinte: xinzo.gal/r/galahumor.