Dúas das máis fermosas voces limiás cantarán o mércores a Casares

IMG-20170513-WA0013
Dúas das máis fermosas voces limiás cantarán o mércores a Casares

Este mércores, no día grande das nosas letras, a praza que leva o nome do noso autor, será escenario dunha dupla homenaxe musical.

Motos, lecturas, presentacións, exposicións... todo é pouco para lembrar a Casares no seu ano. Mais a música tamén estará moi presente. Este mércores, no día grande das nosas letras, a praza que leva o nome do noso autor, será o escenario dunha homenaxe musical a dúas bandas.

Ás 19:15 horas dará comezo o concerto da cantante limiá Esmeralda. A que fora gañadora do concurso de canto Recantos do Luar, veciña de Rairiz de Veiga, atópase en plena faena co seu primeiro disco. Logo de actuar en Finlandia na compaña de Queixumes dos Pinos o pasado xaneiro, estará o mércores fronte ao concello para desfrute de veciños e visitantes.

IMG-20170513-WA0012

A galego-portuguesa María do Ceo é considerada unha das máis fermosas voces no noso idioma.

Tralo concerto de Esmeralda, subirá ao escenario unha das limiás máis internacionais. A galego-portuguesa María do Ceo, "celebrará a Carlos Casares" interpretando algunhas das súas máis coñecidas pezas en galego, portugués ou castelán. A galego-portuguesa é considerada unha das máis fermosas voces no noso idioma. Compositora do himno do Couto Mixto e máis do de Xinzo de Limia, é quen de interpretar coma poucas algúns dos fados máis sonados. O seu concerto comezará a partir das 20:30 horas.