Encontro literario sobre o Entroido e concerto da banda de Celanova

fin semana cultural
Encontro literario sobre o Entroido e concerto da banda de Celanova
Programación cultural deste fin de semana en Xinzo

Coas miras postas no 2022 e mentres se mantén a esperanza de que o Entroido poida celebrarse coa maior normalidade dentro do posible, o Concello de Xinzo programou, a través da concellería de Cultura, unha presentación literaria que porá en valor a historia da celebración. Terá formato de encontro literario e darase a coñecer a obra que leva por título “O Entroido de Xinzo de Limia”, do historiador e escritor local Edelmiro Martínez Cerredelo. Será mañá a partir das 20,15 horas e terá a praza Carlos Casares como escenario.

Está previsto que a alcaldesa, Elvira Lama, presente o libro e que tamén interveñan o edil de Cultura, Ramiro Rodríguez; o presidente da Asociación A Pantalla, Carlos Valle Rivera; o escritor Antón Rivero Coello; o tamén escritor e xornalista Federico Cocho de Juan, así como o principal protagonista do evento, o autor da obra, Edelmiro Martínez.

Tamén a música terá un oco na programación cultural desta fin de semana en Xinzo de Limia. No marco dos actos organizados con motivo do Xacobeo 2021-2022, a Banda de Música de Celanova ofrecerá un concerto este sábado na praza Carlos Casares, a partir das 19,30 horas. A actuación forma parte do programa que leva por título “O país das bandas”, con preto de cen concertos a cargo de 77 agrupacións que percorren Galicia dende o mes de xullo.