Espazo Lector Nobel presenta un novo libro no seu local da rúa Curros Enriquez de Xinzo

253
Espazo Lector Nobel presenta un novo libro no seu local da rúa Curros Enriquez de Xinzo

Mañá martes as 19:00

“O canastro sen tornarratos”, este é o título do novo libro que o Espazo Lector Nobel de Xinzo presentará na tarde do martes. A dirección do local fai unha invitación a todos aqueles que queiran participar na mesma coa presenza do seu autor David Rodríguez.

Sobre o seu autor, a editorial Xerais, di o seguinte:

254David Rodríguez (Vigo, 1975) é deseñador gráfico de profesión e activista político vocacional. Publicou teatro radiofónico: «O Bambán» (Xerais, 2007), «Nunca me esquecerei de ti» (Xerais, 2010); poesía: «Lapidarias, os versos escuros» (Xerais, 2010); ensaios colectivos: «Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural» (2010), «A praza é nosa» (2011), «15-M. O pobo indignado» (2011), «Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção» (2012), «Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política» (2014).Desde 2005 mantén o blog «O funambulista coxo», do que ten publicada unha escolma en papel titulada «Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro» (2012).Colabora con artigos de opinión en numerosos medios, como «Vieiros», «Altermundo», «Praza Pública», «Tempos Novos», «Luzes», «Novas da Galiza», «Mientras Tanto», «Espai Marx», «Sin Permiso», «Viento Sur» ou «Diagonal».No enderezo de correo electrónico «ofunambulista@gmail.com» pódese contactar con el, así como a través da súa conta en Twitter (@ofunambulista), onde desafoga as súas coitas.

E sobre este libro comenta:

Este libro pescuda nas orixes políticas, económicas e filosóficas do cada vez maior afastamento dos centros de decisión a respecto da xente e da súa vida cotiá. Afonda na reflexión sobre a elitización dun capitalismo que retoma a súa faciana máis incompatible coa democracia. En «O canastro sen tornarratos» abórdase a dificultade para articular resistencias e hexemonías alternativas nun tempo en que a ideoloxía dominante conta cunha capacidade inédita de penetración en calquera recanto xeográfico, cultural e mesmo psicolóxico; ademais de na propia teoría e praxe do movemento emancipador. O «tornarratos» –a pedra horizontal que impedía ás alimañas accederen ao gran almacenado no canastro– proponse como metáfora dun tempo sen devasas políticas e culturais que mitiguen o espolio do mundo do traballo e da natureza. Neste ensaio, David Rodríguez, lonxe de pensar o ser humano desde o cosmopolitismo abstracto, opta por unha ollada ampla e global, pero ben afincada nun lugar xeográfico e cultural concreto aínda chamado Galicia. En palabras do autor: «Trátase de delimitar o ermo en que nos atopamos, paso primeiro para que algún día volva medrar a herba.»