As estreas de cine e as citas musicais enchen a axenda cultural da fin de semana

cultura venres
As estreas de cine e as citas musicais enchen a axenda cultural da fin de semana

A axenda inaugúrase co concerto de Rodrigo Rodríguez e a súa frauta xaponesa esta noite na Arca da Noe, en Vilar de Santos. Recoñecido produtor musical, trae consigo as pezas de música compostas e trasmitidas oralmente polos monxes budistas. A cita é a partir das 20.30h.

Este mesmo escenario será testemuña mañá da presentación de "Caleidoscópica", unha publicación de fotografía online que conta coa participación dunha limiá. Ana Parada xunto cun grupo de mozos e mozas de toda Galicia, crearon este revista que definen como "un sentir común: a terra que nos une e a nosa relación con ela". O acto terá lugar ás 20h.

Un pouco máis tarde e tamén na Arca da Noe, chegan "De Vacas", tres mozas que versionan cancións en galego que van dende as Spice Girls ata Beyoncé, atrévense con todo tipo de temas comerciais. Están acompañadas polo músico Guillerme Fernández, que estivo en grupos como Berrogüetto, entre outros. O concerto dará comezo a partir das 22h.

Voltando a Xinzo, a Casa da Cultura acolle a exposición "coplas,lendas e cantigas do Val do Salas". Unha mostra que supón unha ollada ós cinco anos de vida do programa de atención ás persoas maiores, levado a cabo por Cáritas Diocesana en pobos de Baltar, Calvos de Randín e Muíños. Poderá visitarse ata o 10 de abril.

A carteleira do cine Gesma de Xinzo mantén a película Zootrópolis, tralo éxito colleitado na pasada fin de semana. O filme infantil que recolle as aventuras dun grupo de animais moi pintorescos, poderá verse o venres 26, sábado 27, domingo 28 e xoves 3 ás 18h.

Complétase a oferta coa película Deadpool, dirixida por Tim Miller e protagonizada por Ryan Reynolds entre outros. Unha comedia que recolle a historia do anti-héroe menos convencional. O filme estará en pantalla o venres 26, sábado 27, domingo 28, luns 29, mércores 2 e xoves 3 en dous pases, un as 20.30h e outro as 22.30h.