Grupos dunha decena de provincias e Portugal participarán no Certame Celtibérico

Catel anunciador
Grupos dunha decena de provincias e Portugal participarán no Certame Celtibérico
A inauguración está prevista para o sábado ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial

Non só o Entroido atrae a milleiros de persoas a Xinzo de Limia. Prevese que o Certame Celtibérico de Bandas que se celebrará esta fin de semana no concello mobilice a preto de 5.000. A ocupación achégase ao 100% nos hoteis de toda a comarca e máis alá e as reservas xa realizadas, garanten tamén un pleno nos restaurantes da contorna.

A ocasión o merece, xa que músicos dunha decena de provincias de toda España e tamén de Portugal mostrarán o seu talento. Será un evento de gran proxección que contará con gaiteiros da talla de José Ángel Hevia –que se encargará de dar o pregón-, Óscar Ibáñez ou Arturo Lamas, entre outros. Pola gran afluencia de público que se agarda, será unha cita que dará empuxe ao tecido económico do municipio e que obriga a extremar as precaucións para evitar calquera incidencia.

Está previsto que o operativo de seguridade estea composto pola Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Xinzo e do resto da comarca, ademais da Cruz Vermella. O domingo 26 de marzo será necesario realizar restricións de tráfico na N-525, xa que os músicos levarán o folclore e a tradición ás rúas. Ademais, está previsto que se instale unha carpa na Praza Carlos Casares. Agárdase que sexan 26 bandas e 750 os participantes e habilitaranse prazas de aloxamento no pavillón.

Haberá dúas zonas para o estacionamento dos autobuses: o Toural e pavillón. Os vehículos lixeiros poderán aparcar nos dos párkings ao aire libre de Curros Enríquez e Avenida de Celanova, na Rúa Sitibal, Carmen Nóvoa, nas marxes do río e tamén no entorno do polígono. Este Certame será a ocasión idónea para que as bandas de todo o país demostren o seu talento e para dar a coñecer o concello e a súa cultura.

Está previsto que os primeiros grupos comecen a chegar á vila mañá pola tarde e arranquen os ensaios. A praza Carlos Casares será a área de competición e a Praza da Música o espazo de pre-competición.

Presentación festival
Presentación festival

Tal e como se especifica no programa, a inauguración está prevista para o sábado 25 de marzo, ás 12.00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial. Seguidamente comezará unha mesa redonda interactiva que levará por título Pasado, presente e futuro das bandas de gaitas na Península Ibérica e na que intervirán Fernando Dopico, Xosé Luis Foxo, José Ángel Hevia, Óscar Ibáñez e Jorge Gándara. Pola tarde, ás 16.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura arrancará o Concurso de Gaitas&Percusión da Limia. Neste mesmo escenario, ás 20.00 horas, está prevista a entrega de diplomas deste concurso e, ás 20.30 horas, o concerto de música tradicional castelá-leonesa por Carlos Beceiro e Luis Antonio Pedraza.

O domingo 26 de marzo, ás 9.45 horas, comezará a cerimonia de izado de bandeiras na área de competición da Praza Carlos Casares e dará comezo a primeira fase do Certame Celtibérico de Bandas, que rematará ás 14.00 horas con desfile das bandas de primeiro grao dende a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares, onde se concentrarán todos os participantes. Neste mesmo punto leranse as puntuacións e entregaranse os diplomas e premios. José Ángel Hevia lerá o pregón e intervirán as autoridades para dar paso á cerimonia de arriado de bandeiras e interpretación conxunta do Himno do antergo reino de Galicia por tódalas bandas participantes.