Esta fin de semana a Praza Maior de Xinzo de Limia converterase nun teatro ao aire libre. Neste espazo programouse, o sábado ás 12.30 horas, o espectáculo “Cómicos da Legua na Raia Seca”, que porá en valor as artes escénicas populares europeas que viaxaron a través das peregrinacións, dende a Idade Media ata a actualidade. A iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e conta coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O universo da picaresca e da literatura do cordel mesturaranse neste espectáculo de Viravolta Títeres. En breves episodios dramáticos, Cómicos da Legua na Raia Seca convidará ao público a participar nesta iniciativa ambulante que converte as prazas en teatros e mestura cinema e artes escénicas. Ao mesmo tempo, realizarase un documental para divulgar o proxecto que servirá como testemuña da experiencia.