Un libro das memorias da Limia e “para todos os públicos”

Miguel A., Rafael Laso e Elvira Lama no acto de presentación do libro
Un libro das memorias da Limia e “para todos os públicos”

Rafael Laso, natural de Xinzo, presentou na vila a súa derradeira obra, “A revolta da lagoa”, coincidindo co 17 de maio

Na xornada na que se homenaxeaba a figura do escritor e poeta de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán, con motivo do 17 de maio, outro escritor, Rafael Laso, natural de Xinzo, presentaba na vila a súa última obra, “A revolta da lagoa”. No acto, celebrado ao aire libre, estiveron presentes, ademais do novelista, a alcaldesa Elvira Lama, o concelleiro de Cultura e o tamén escritor Miguel Anxo Alonso Diz.

Miguel A. e Rafael Laso (Autor do libro)

A rexedora agradeceu ao autor pensar en Xinzo e en tal data conmemorativa para presentar a súa nova obra. Rafael Laso, comezou dicindo Elvira Lama, “é un home moi centrado na súa profesión -enxeñeiro técnico industrial pola Universidade de Vigo- ao que aínda queda tempo para compaxinar o seu traballo coa literatura e coa arte de contar para os demais. Pero é sobre todo un limiano de nacemento, de corazón, por iso é polo que en parte da súa obra estea a Limia como escenario dos seus relatos”. A obra ten á lagoa de Antela e aos seus habitantes como protagonistas e, aínda que está pensada para o público xuvenil, “os relatos non teñen por que ter etiquetas e poden ser para todas as idades, porque todos podemos ver parte da nosa historia reflectida en eles”, expuxo a alcaldesa, quen agradeceu a presenza no acto do escritor Miguel Anxo Alonso Diz, tamén de ampla traxectoria literaria, quen tomou a palabra a continuación.

Rafael Laso
Rafael Laso

Dixo Alonso Diz que “A revolta da lagoa” –con ilustracións de Ximena Maier- ben podería ser un libro de varias memorias, comezando polas memorias de lugares e sons como “as campás da vella cidade asolagada”, “as torres do castelo” ou a “aldea vella”, que permanecen na memoria colectiva limiana. Tamén é un libro que fala “da memoria das palabras”, expuxo na súa intervención, no que os máis novos van atopar desde pombas a cucos, cotovías, carrizas, paparroibos, sapos, morcegos e moitas outras especies para as que é necesario “que a nosa rapazada siga nomeándoas, porque o que non se nomea non existe”. Ademais de animais hai soutos, chairas e unha infinidade de árbores como bidueiros, ameneiros, salgueiros, castiñeiros ou carballos”.

Quedaba por referir a Alonso Diz outra memoria, a “asolagada”, que é “a memoria da emigración, a memoria de nós como pobo” para finalizar dicindo que Laso escribira “un libro sen idade, para grandes e pequenos, unha obra que dá voz aos animais e que nos leva á reflexión sobre o impacto de nós sobre a terra”.

20220518_201318
Portada do libro presentado onte

“A revolta da lagoa” fixo regresar á súa casa que é Xinzo a Rafael Laso para explicar como foi o proceso de creación dunha obra que aborda, desde unha perspectiva diferente, un dos maiores acontecementos da comarca na segunda metade do século XX: a desecación da lagoa de Antela. Laso (Xinzo, 1965) non o lembra en primeira persoa pero si da man dos seus pais e avós e numerosos veciños da vila. A idea do libro, expuxo o novelista, “veume no ano 2016, cando se cumprían sesenta anos da aprobación da lei de desecación da lagoa”. Levoulle algo máis dun ano escribilo e non o fixo tomando parte desde unha perspectiva determinada –se foi un feito bo ou malo- senón para contar a visión de quen realmente eran os habitantes e propietarios do acuífero, os animais.

O escritor limiano, que barallou varios títulos ata o definitivo, quería contar unha serie de historias que chegaran aos rapaces e ao público adulto que as lese”. Hai figuras na novela –explicou- que están situadas extemporáneamente, fóra de contexto, “simplemente porque era xente que eu coñecía e situei na novela porque me interesaba para o relato”. Aí están un mecánico, o xastre, o zapateiro –o seu propio avó- ou un garda municipal dos que seguro moitos veciños se acordan.

Firma de libros no stand de Librería Galaica
Firma de libros no stand de Librería Galaica

Ante a hecatombe que supón a desecación do acuífero os animais deciden que a única maneira de defenderse é ir á guerra. Uns están a favor e outros en contra, algúns son conformistas pero todos teñen un interese común que provoca que se xunten para tratar de defender a súa terra, a súa forma de vida. “Non pretendo máis nada que facer pensar aos que lean a novela, en especial aos nenos, sobre a conveniencia de coidar dos paraísos naturais”. Porque, finalizou o novelista limiano, non só é importante deixar un legado material aos que veñan, senón tamén un legado patrimonial, cultural e natural”. É o verdadeiro transfondo da obra.