Luar Na Lubre en Ourense

Luar Na Lubre
Luar Na Lubre en Ourense

Luar Na Lubre compartirá no Teatro Principal de Ourense impresionantes lendas e historias de peregrinos, ademais dos seus temas máis coñecidos

O primeiro concerto da xira de Luar Na Lubre neste 2022 terá Ourense como escenario e por iso será tan especial. Xa o anunciou Bieito Romero, líder e membro fundador do grupo na súa presentación: “Volver a Ourense é como volver a casa”. Tamén quixo facer o músico referencia ao Teatro Principal, no que actuarán mañá e o sábado coa colaboración da Deputación de Ourense: “É como unha caixiña de música, un lugar delicioso para tocar”.

O espectáculo estará baseado no seu último disco, que leva por título “Vieiras e vieiros, historias de peregrinos” e que amosará ao público historias e lendas dos camiñantes na ruta xacobea por terras galegas. Trátase do seu traballo número 19 e está composto por 27 temas. Neles combínanse as creacións propias con outras nas que se recollen sons como o da auga dos ríos, o vento, unha misa en Muxía ou as campás da igrexa. En definitiva, un novo homenaxe á cultura e a tradición galega. Tampouco faltarán no espectáculo os seus temas máis coñecidos, como “Chove en Santiago”.

As entradas para asistir a estes concertos, que comezan ás 20:30 horas, pódense adquirir dende un prezo de 15 euros na web:https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-principal-de-ourense/13100--luar-na-lubre-vieras-e-vieiros-historias-de-peregrinos.html e no punto de venda do Teatro Principal de Ourense (rúa da Paz, 9), unha hora antes do inicio da actuación.

O grupo está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Irma Macías (voz), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas) e Brais Maceiras (acordeón).

Luar Na Lubre, que significa o ‘resplandor da lúa no lugar sagrado dos celtas’, fundouse hai máis de 30 años na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galega. Cun repertorio baseado fundamentalmente en músicas de raíces galegas, é actualmente a banda máis internacional de Galicia que actuou ante o público dende Palestina ata Canadá e dende Alemania a Argentina.

Cómpre destacar que o disco “Vieiras e vieiros, historias de peregrinos” recolle ademais o tema ‘Dum Pater familias’, o canto máis antigo de peregrinos a Compostela, que aparece recollido no Códice Calixtino, e ‘Martiros e o vákner’ recupera unha das lendas vinculadas ao final do Camiño de Santiago, nas terras de Muxía e Fisterra, que se inspira na viaxe que o bispo armenio Mártiros de Arzendjan realizou, no século XV, a Compostela. Durante o seu percorrido, despois de recibir a bendición do apóstolo en Santiago, o armenio encontrouse, nos montes de Dumbría, cunha besta maligna e de gran tamaño, á que chamou vákner.

Este traballo tamén recupera a lenda de Dugium, a cidade anegada, ao tempo que achega algunhas das sonoridades propias da ruta xacobea, como son os corvos da Ulloa ou as gaivotas do mar de Fisterra.

O proxecto musical de Luar Na Lubre, na súa recoñecida traxectoria de máis de 35 anos, baséase fundamentalmente nas músicas de raíces galegas, polo que dedican particular atención ao estudo dos principais cancioneiros galegos, así como o traballo de campo que lles proporciona un profundo coñecemento sobre a realidade musical galega que se vén revelado determinante nas súas propias composicións