Miguel Rios en Celanova o 18 de Agosto

Concerto Miguel Ríos 1
Miguel Rios en Celanova o 18 de Agosto
Dentro do programa Xacobeo 2022 na provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá, acompañado do alcalde, Antonio Puga, na presentación do concerto de Miguel Rios & The Black Betty Trio que se celebrará o 18 de agosto ás 21,00 horas no Claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova. O prezo das entradas, que saen hoxe á venda en Ataquilla.com, será de 23 euros máis gastos de xestión da empresa distribuidora, e o aforo do mesmo terá un máximo de 700 persoas sentadas.

Concerto Miguel Ríos 2
Presentación Concerto Miguel Ríos

Este evento -sinalou Gabriel Alén- encadrado dentro da programación de Concertos do Xacobeo espallarán música e espectáculo por toda xeografía provincial con máis de 14 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos de Ourense para celebrar un Ano Santo extraordinario.

O representante do Goberno galego destacou que a programación de Concertos do Xacobeo inclúe 11 eventos musicais na provincia con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Xa desenvolveu o concerto de The James Hunter Six e esta pasada fin de semana o Ouren Sound Fest; proximamente actuarán artistas como, Víctor Manuel, Miguel Ríos, La Guardia, Danza invisible, Placebo, The James Hunter Six, Gustavo Santaolalla e, ademais da mellor música galega como As Tanxugueiras, Roi Casal e Xoel López. A programación tamén contempla os festivais Silfest, El Musgo e o Festival de Música Alternativa e o Ciclo Xacobeo Importa, que se desenvolverá na Capital.

Os interesados poderán consultar a programación na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.