Novo libro de Miro Cerredelo

Historia musical de Xinzo
Novo libro de Miro Cerredelo

Martínez Cerredelo fai un percorrido pola historia musical de Xinzo de Limia no seu último libro

A presentación literaria terá lugar este venres no auditorio da Casa da Cultura e está prevista a actuación dun grupo do Conservatorio e da Banda de Gaitas.

O traballo investigador do escritor e historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo arroxa novamente un novo froito. Presentará este venres o seu último libro, que leva por título “Historia musical de Xinzo de Limia” e rende homenaxe a aqueles que fixeron que o concello sexa o berce de grandes artistas. O acto terá como escenario o Auditorio da Casa da Cultura e comezará ás 20.15 horas.

Está previsto que ademais do autor, tamén interveñan no acto literario a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez; a directora do Conservatorio, Esmeralda Marra, e o director da Escola Municipal de Gaitas & Percusión, Fernando Dopico. Como non podía ser doutro xeito, a música estará moi presente coa actuación dun grupo do Conservatorio e da Banda de Gaitas.

Cómpre recordar que foi o pasado mes de novembro cando o auditorio da Casa da Cultura de Xinzo de Limia case se queda pequeno para dar cabida aos veciños que quixeron participar na presentación do libro de “O Entroido de Xinzo de Limia”. Demostraron así o seu apoio a Martínez Cerredelo e o seu compromiso coa celebración e a súa historia.