Óscar Ibáñez e músicos da Escola de Gaitas e Percusión de Xinzo compartirán escenario

Ibáñez
Óscar Ibáñez e músicos da Escola de Gaitas e Percusión de Xinzo compartirán escenario
O sábado 7 ás 22:30

Será un prato forte da programación cultural de verán. O concerto de Óscar Ibáñez & Tribo terá lugar este sábado na praza Carlos Casares, a partir das 22.30 horas, onde presentará o seu espectáculo “Da Terra”. O gaiteiro e frautista realiza unha fusión musical sen límites e a calidade da súa banda foi recoñecida en máis de 200 concertos por todo o país, Gran Bretaña e Italia, participando ademais nalgúns festivais internacionais como o Intercéltico de Lorient, o Capodanno Céltico ou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, entre outros.

Óscar Ibáñez

O espectáculo que ofrecerá na vila será moi especial, xa que ademais está previsto que para pechar o concerto se suban ao escenario algúns gaiteiros da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia. En definitiva, será unha espectacular viaxe sonora a través da música tradicional galega nunha mestizaxe musical moderna e innovadora na que predomina a sonoridade celta.

Para este concerto, a banda Óscar Ibáñez & Tribo estará integrada por músicos de longa traxectoria como Fernando Fraga (Carlos Núñez); Carlos Calviño (Roi Casal) ou Carlos Castro (Fía na Roca), entre outros.

Para asistir ao concerto cómpre reservar entrada online no enlace xinzo.gal/r/oscaribanez, que o Concello de Xinzo está a difundir nas redes sociais. O espectáculo levarase a cabo segundo o protocolo sanitario de seguridade e a máscara será obrigatoria.