Ourense celebrará en decembro o 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Luis González Tosar (Presidente do Pen Clube Galicia e da Fundación Insua dos Poetas).
Ourense celebrará en decembro o 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro

A Fundación Insua dos Poetas organizará na Esgueva no mes de decembro, arredor da data de nacemento do escritor de Mondoñedo, unha xornada cunqueiriana co apoio da Deputación de Ourense

Ourense celebrará o 111 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro a través dunha iniciativa da Fundación Insua dos Poetas que conta co respaldo da Deputación de Ourense e que se celebrará na Esgueva (Madarnás, O Carballiño) arredor do 22 de decembro, data de nacemento do xenial escritor de Mondoñedo.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, avanzou ao presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, o apoio á esta xornada cunqueiriana na Insua dos Poetas, que incluirá a instalación dunha peza escultórica e outras actividades destinadas a incorporar ó predio da Esgueva, Madarnás, O Carballiño, ó grande escritor, xornalista e gastrónomo.

Cunqueiro e Blanco Amor, a finais dos anos 60 en Ourense
Cunqueiro e Blanco Amor, a finais dos anos 60 en Ourense

Manuel Baltar resaltou o seu “completo compromiso” con esta iniciativa e lembrou os vencellos de Cunqueiro con Ourense, a través de fitos como a súa amizade con Eduardo Blanco-Amor. “Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco-Amor son, sen a menor dúbida, dúas figuras cimeiras da literatura contemporánea, tanto en galego como en castelán. Con estéticas moi distinta, aportaron dous libros de absoluta referencia na nosa narrativa, como son ‘Merlín e familia’ e ‘A Esmorga”.

“Debe estar por dereito propio e pola valía da súa obra entre os autores integrantes do mundo literario da Insua dos Poetas

“Álvaro Cunqueiro”, adiantou Luís González Tosar, “debe estar por dereito propio e pola valía da súa obra, especialmente da escrita en lingua galega, á que Cunqueiro elevou á súa máxima categoría, entre os autores e autoras que integran o mundo literario da Insua dos Poetas”. González Tosar destaca a importancia de incluír a Cunqueiro nun universo no que xa están autores como “Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco-Amor, Federico García Lorca, Xosé María Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Carlos Casares, Antón Tovar e outros destacados poetas”.

A Fundación Insua dos Poetas, avanza o seu presidente, está establecendo os contactos oportunos coa Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Parlamento galego e o Concello de Mondoñedo “para darlle o máximo nivel e categoría a unha celebración que, aproveitando a conmemoración do 111 aniversario do nacemento do escritor mindoniense, axude a honrar e espallar a súa obra e o seu pensamento na provincia de Ourense”.

Conxunto escultórico baseado no testamento poético de Cunqueiro

Entre as actividades previstas nesta xornada cunqueiriana, Luís González Tosar apunta a realización do mencionado conxunto escultórico a cargo dunha xoven artista da comarca do Carballiño, Tatiana R. Fírvida ( Boborás, 1995), con estudos no EASD Antonio Faílde de Ourense e Grao en Belas Artes na Universidade Nebrija de Madrid onde traballou coa recentemente desaparecida artista multidisciplinar Ouka Leele.

Tatiana R. Fírvida xa está elaborando unha peza simbólica da obra de Álvaro Cunqueiro inspirada no poema "Ese alguén de meu que nunca volve", texto considerado pola crítica especializada como o testamento poético de Álvaro Cunqueiro.

Un escritor referencial na literatura contemporánea

Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981) está considerado pola crítica como un dos verdadeiros mestres das letras do país, cunha obra que o sitúa coma referente tanto da literatura galega como da literatura española do século XX.

Novelista, poeta, dramaturgo, xornalista, tradutor e gastrónomo -co seu fundamental ensaio “A cociña galega”-, a figura de Álvaro Cunqueiro é tan poliédrica como a súa obra. Vangardista, neotrobador e, sobre todo, un xenial narrador que deixou obras mestras como “Merlín e familia”, “As crónicas do sochantre”, “Se o vello Simbad volvese ás illas”, ou “Un hombre que se parecía a Orestes”. Esa asombrosa capacidade narrativa de Cunqueiro queda condensada tamén en escolmas de relatos como “Escola de menciñeiros”, “Xente de aquí e de acolá” ou “Os outros feirantes”.