Pintura e fotografía converxen no Museo da Limia creando un "álbum de realismo".

Pintura e fotografía converxen no Museo da Limia creando un "álbum de realismo".
As fotografías de Bruno e a pincelada de Ledicia "converten as creativas percepcións dos dous autores nun mosaico diverso"

Percepcións inaugurarase hoxe, 15 de xuño, no Museo da Limia ás 17:30h. Os autores de esta exposición son Ledicia Prieto (bióloga e ilustradora científica) e Bruno Simón (fotógrafo autodidacta apaixoado pola natureza.

A exposición baséase nunha mestura de pintura e fotografía que achega diferentes percepcións: "dende as entrañas dos penedos, as torres do Castro, Pena e Porqueira para vixiar a fartura da nosa chaira limiá para recrear as nosas tradicións festivas, sempre representadas pola plasticidade das pantallas do entroido de Xinzo, cumprimentadas no simbolismo da teimuda subsistencia, que aparece nitidamente definida, como non podía ser doutro xeito, no proceso da elaboración do pan".

Estas percepcións dos autores xorden do interese de Ledicia pola plasmación dos elementos máis representativos da nosa terra, representados noutras ilustracións, como o noso Entroido, as torres da Limia ou a festa da Saínza. Pero tamén da paixón de Bruno pola natureza e pola representación do cotián. “Torres da Limia”, é unha serie de fotografías nas que mostra unha visión diferente das tres Torres dentro da chaira coas montañas que a rodean en diferentes épocas do ano. Outra destas series plasma o proceso de elaboración do pan de maneira tradicional nun forno de aldea; e noutra mostra o Entroido.