Un pouco de poesía e máis Entroido para esta fin de semana

cultura venres
Un pouco de poesía e máis Entroido para esta fin de semana

A Arca da Noe acolle esta noite unha actuación especial. O poeta Carlos da Aira chega a Vilar de Santos acompañado dun grupo de amigos para facer a súa exposición-espectáculo-poética-audio-visual. Así define o artista a mestura de actuacións musicais da man dos seus achegados coa súa poesía. A cita é a partir das 22h.

O sábado é o día da troula coa noite de Corredoiro dende as 21.30h ata as 3.30h coas actuacións das charangas Compostela Band e Achicoria, polas rúas de Xinzo. O domingo Corredoiro sairán as Pantallas por primeira vez, xuntaranse na Praza Maior ás 12.30h. A música das charangas sonará dende as 12h da mañá ata as 22h da noite da man de SORCHA e BB+.

Se prefiren outra alternativa de ocio, a carteleira do cine Gesma mantén a película "Joy", para adultos, unha comedia que dirixe David O. Russell, con actores como Jennifer Lawrence e Robert de Niro. O filme recolle a historia dunha humilde traballadora que acaba converténdose nunha popular inventora de produtos do fogar. As sesións son venres 29 e sábado 30 ás 22.30h, e domingo 31 ás 20.15h.

Os máis pequenos poderán gozar das aventuras de "Alvin y las ardillas:fiesta sobre ruedas",o venres 29 e sábado 30 ás 18.30h e 20.15h; o domingo 31 ás 17h e 18.30h e o luns 1 de febreiro ás 18.30h.