Presentación da obra As malas mulleres, gañadora do XXXIX Premio Blanco Amor de novela longa

Presentación.novela.gañadora.Premio.Blanco.Amor
Presentación da obra As malas mulleres, gañadora do XXXIX Premio Blanco Amor de novela longa
Marilar Aleixandre sinalou que o libro ten “unha parte de rescate da memoria colectiva”

O Pazo provincial acolleu hoxe a presentación da obra gañadora do XXXIX Premio Blanco Amor de novela longa, As malas mulleres, nun acto no que xunto ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, tamén participou a autora do libro, Marilar Aleixandre, e o presidente de editorial Galaxia, Antón Vidal.

Baltar, que desexou “unha longa vida literaria á novela” felicitando á narradora e á editorial polo seu traballo, destacou que esta obra “responde a todas as esixencias de calidade que podemos esperar cando falamos da súa autora”. Un premio, apuntou, “que prestixia a Marilar, pero onde Marilar tamén prestixia ao premio”.

O presidente provincial afirmou que “sen cultura non hai pobo, nin persoas, e de pouco importan as administracións, polo que seguiremos apostando por estes recoñecementos que teñen un dos seus sinais de identidade neste premio de novela longa”. Baltar aproveitou a presentación da novela para anunciar a próxima publicación das bases que rexerán a convocatoria número 40 do certame, “unha destacada ocasión para seguir a traballar por un premio, decano en Galicia, cuxa organización e patrocinio asumimos en 2015 e que supón unha homenaxe permanente a Blanco Amor.

Pola súa banda, Marilar Aleixandre puxo en valor o traballo da Deputación garantindo desde hai anos a continuidade do certame, ao tempo que destacou a acollida que a súa obra tivo na editorial Galaxia e o deseño da cuberta, obra do ilustrador Hayat Husein. Non obstante, a narradora fixo un recoñecemento especial para o público, xa que desde a chegada ás librarías da súa obra, o pasado 8 de marzo, a novela xa vai pola segunda edición.

Aleixandre sinalou que o libro ten “unha parte de rescate da memoria colectiva”, xa que fala de historias de cárceres -como a de Galera na Coruña- “que se guindan ao pozo da desmemoria”, e onde os libros se converten nunha táboa de salvación para as presas, ás que personaxes como Concepción Arenal e Juana de Vega, visitadoras de prisións, tentan mudar a súa vida ensinándoas a ler.

O presidente de editorial Galaxia, Antón Vidal, agradeceu á Deputación e ao seu presidente a súa posta por este premio, engadindo que “quizais sexa unha das institucións que maior esforzo e presenza ten na cultura galega”.

A novela, dixo, “faille xustiza a moitas mulleres”, cualificando o libro como “un auténtico paseo polo século XIX e polo entorno das mulleres daquel tempo”, felicitando á autora non só “por trasladarnos e mostrarnos esa época, senón tamén pola riqueza léxica, cunha linguaxe viva na que recupera termos do galego”.

As malas mulleres retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Concepción Arenal e Juana de Vega, e na que segundo reflicte a acta do xurado "recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras". Un traballo no que a autora "incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato".

Marilar Aleixandre, bióloga e catedrática "ad honorem" da Universidade de Santiago de Compostela, ten unha recoñecida traxectoria na escrita galega. Autora do primeiro libro de ciencias en galego, Aleixandre ten unha ampla carreira como narradora, poeta e ensaísta, sendo ademais académica de número e membro da directiva da Real Academia Galega.