Programa ESQUECEMENTO 2021

Programa esquecemento 2021
Programa ESQUECEMENTO 2021

inclúe un Escape Room, atraccións tradicionais para nenos e un mercado de artesanía cunha vintena de postos

A ilusión de festexar a historia de todo un pobo volverá esta fin de semana a Xinzo de Limia co Esquecemento, despois da cancelación do ano pasado por mor da pandemia. Serán tres días de celebracións, con horarios marcados e concretos, nos que se extremarán as medidas de seguridade e que terán o Toural como principal escenario. Incluso deberá adaptarse a este espazo o cruce do río Lethes. En total, ofertaranse máis dunha decena de propostas culturais entre concertos, teatro ou espectáculos circenses.

Ademais, a programación inclúe por primeira vez un Escape Room na praza Carlos Casares, durante todo o día o sábado e o domingo e sobre a temática da festa. Tamén atraccións tradicionais para os máis pequenos na praza de San Roque, como carruseis de madeira e durante os tres días dos festexos. Deste xeito, o Esquecemento poderá trasladarase a outros espazos delimitados da vila, atendendo sempre ás restricións sanitarias.

Cómpre destacar que o mercado de artesanía instalarase no Toural e que serán unha vintena os postos que ofrezan os seus produtos a veciños e visitantes.

A Festa do Esquecemento é o prato forte da programación cultural de verán e poderá celebrarse con todas as garantías sanitarias os días 20, 21 e 22 de agosto. Para que fose posible, o executivo local realizou unha consulta á Consellería de Sanidade, que determinou que non se podían realizar determinados actos e que só serían posibles aqueles en espazo acoutado, delimitado, con aforo controlado e todo tipo de protocolos sanitarios.

Deste xeito, na Alameda do Toural levaranse a cabo todas as representacións teatrais e os concertos nos tres días de festa, e con horarios marcados e concretos. Contratouse unha empresa de seguridade para controlar as entradas e saídas de veciños e visitantes e será obrigatorio o uso de máscara, a limpeza de mans, a toma de temperatura e a distancia nos diferentes actos programados.

Programa esquecemento 2021

Máis en concreto, a programación comezará o venres cun espectáculo de lume a cargo de Hípica Celta ás 22.00 horas. Está previsto que ás 22.45 horas se leve a cabo o prendido do lume sagrado, ademais dun concerto de Grimorium, a partir das 23.30 horas.

O sábado os actos comezarán ás 17.00 horas cun espectáculo de malabares e circo; a partir das 18.00 está prevista a entrega dos premios Bispo Idacio; ás 21.30 horas ofrecerase un concerto de Os da Porfía e de novo un espectáculo de lume de Hípica Celta ás 23.30 horas. Será o domingo cando se faga a adaptación do cruce do río Lethes, a partir das 17.00 na Alameda do Toural. Un novo espectáculo circense poderá verse a partir das 19.00 horas e ás 20.30 horas subirá ao escenario Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Para asistir ao concerto será necesario inscribirse chamando aos números de teléfono 649 657 627 ou 678 120 607.

A Festa do Esquecemento será este ano posible grazas ao esforzo da Asociación Civitas Limicorum que, coa colaboración da concellería de Cultura, lograron elaborar un programa adaptado ás circunstancias no que se mantén a chama da tradición. O presidente da entidade cultural, Iván Prado, fai un chamamento aos veciños para que participen cumprindo con todas as medidas se seguridade.