lunes 6/12/21

As novas xeracións de Xinzo de Limia aman a nosa lingua e así queda demostrado coa participación rexistrada nos concursos que organizou o nos que colaborou o Concello con motivo das Letras Galegas, cun total de 125 traballos presentados. O Certame Literario Infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares, que organiza a Concellería de Cultura en homenaxe ao autor limiao que precisamente para o público máis novo escribiu obras mestras como “A galiña azul” ou “O galo de Antioquía”, foi o que espertou máis interese entre os mozos, contabilizándose case medio centenar de obras.

Establecéronse sete categorías para os participantes: unha para os cursos de infantil; tres para os diferentes ciclos de primaria; dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato en adiante. Deste xeito, outorgaranse dous premios en cada unha das categorías, consistentes en vales para mercar libros e material escolar nas librarías de Xinzo de Limia. En total, o Concello repartirá case 2.000 euros en premios e todos os galardoados recibirán un diploma acreditativo.

Está previsto que o fallo do xurado, composto por membros da Fundación Carlos Casares, escritores limiaos, profesores de Lingua e Literatura e técnicos de Cultura e Educación do Concello, se faga público ao longo deste mes de xuño. Os premiados sairán da suma das puntuacións outorgadas por cada membro do xurado en cada categoría. Publicaranse na páxina web e nas redes sociais do Concello de Xinzo os traballos galardoados e nome dos seus autores.

Os concursos que promoveu a Fundación Carlos Casares en colaboración co Concello tamén contaron cunha boa participación. En concreto, “Cubertas para Xela” suma 44 traballos presentados, moitos deles de gran calidade artística. “Quen é Toribio?”, organizado polo aniversario desde conto de Carlos Casares”, sumou un total de 33 obras. Trátase neste último caso de debuxos que reflicten, ao seu modo, algunhas das historias que aparecen na célebre serie.