As redes sociais serán o escaparate da campaña do Día do Libro que promove Xinzo

cats
As redes sociais serán o escaparate da campaña do Día do Libro que promove Xinzo
O período de participación será do 16 ao 25 de abril e con todas as mensaxes participantes realizarase un mural para expoñer na Casa da Cultura

As redes sociais encheranse de literatura con motivo da campaña do Día do Libro 2021 que promove o Concello de Xinzo de Limia. A iniciativa, que leva por título “Mil libros, mil aventuras!” anima aos veciños a participar e a contaxiar a paixón pola lectura. Os interesados deben colgar un post en calquera das contas de Facebook, Twitter ou Instagram que conteña unha foto orixinal da capa do seu libro favorito ou un selfie co exemplar nas mans. Non se admitirán fotos descargadas de Internet e o título da obra deberá ser claramente visíbel. Ademais, deberase acompañar a fotografía cun texto, frase, mensaxe ou lema animando á lectura. Os post terá que ser etiquetado co cancelo #DíadoLibroXinzo2021 e farase mención á conta do Concello da rede social correspondente.

Poderán sumarse á proposta todas as persoas cun perfil real que sexan seguidoras dalgunha das contas nas redes sociais do Concello de Xinzo.

Facebook:@xinzodelimia

Twitter @xinzoconcello

Instagram @cultura_de_xinzo

O período de participación será entre os días 16 e 25 de abril e con todas as mensaxes participantes nas tres redes sociais realizarase un mural para expoñer na Casa da Cultura.

Lotes de libros como agradecemento

Como agradecemento por apoiar esta campaña sortearanse tres lotes de libros entre os participantes de cada unha das redes sociais. O sorteo realizarase cunha ferramenta automatizada ao efecto e os resultados colgaranse na web do Concello e publicaranse nas redes sociais. Os premios serán comunicados por mensaxe directa privada aos gañadores. Por este mesmo medio solicitaránselle os datos persoais para publicar unha relación de premiados.

Cómpre destacar que a participación na campaña implica necesariamente a aceptación previa, íntegra e incondicional das bases do concurso e estas poderán consultarse na web do Concello: www.xinzodelimia.gal