Un relato infantil sobre as bondades de vivir no rural, entre os gañadores dos Premios Carlos Casares que promove o Concello

Un relato infantil sobre as bondades de vivir no rural, entre os gañadores dos Premios Carlos Casares que promove o Concello
Os galardóns do concurso de narrativa infantil e xuvenil que homenaxea ao escritor limiao entregaranse mañá nun acto previsto para as 12.00 horas na Praza Maior

“Na aldea estase mellor que na cidade porque no outono caen as follas amarelas e cando vou de paseo coa miña avoa e coas cadelas como están secas corremos por elas e triscan”. Así comeza o relato titulado “Vivir na aldea”, un dos gañadores na categoría de primaria dos Concurso Literario infantil e xuvenil de narración curta Carlos Casares que convoca o Concello. As preocupacións dos máis pequenos, ademais das súas paixóns refléxanse nos seus traballos, dos que o xurado destaca a gran calidade.

ACTA VII Concurso relato curto CC 2023_page-0001
ACTA VII Concurso relato curto CC 2023_page-0001

O acto de entrega dos galardóns deste certame que homenaxea ao escritor limiao levarase a cabo mañá, ás 12.00 horas, coa Praza Maior como escenario. Outorgaranse dous premios en cada unhas das categorías, case 2.000 euros consistentes en vales para mercar nas librarías da vila.

Non será o único acto programado con motivo das Letras Galegas. A nova edición en ucraíno de “A Galiña Azul”, unha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, presentarase na Praza Maior trala entrega de premios. A Fundación Carlos Casares vén de reeditar unha edición revisada dos anos oitenta e a vila limiá será o escenario no que se dará a coñecer.

Para o xoves, 18 de maio, está prevista a presentación do libro “Diagnóstico poético. Os versos que levas dentro”, da poetisa, escritora e mestra Rochi Nóvoa. Será no Auditorio a partir das 20.00 horas. O escritor e profesor limiao Cándido Paniagua será o encargado de presentar a obra e o acto contará coa actuación musical do Coro Aimil.