Robert Plant ofrecerá en setembro un concerto na provincia de Ourense

Manuel Baltar e Pino Sagliocco
Robert Plant ofrecerá en setembro un concerto na provincia de Ourense

O mítico vocalista de Led Zeppelin estará na provincia o vindeiro 9 de setembro coa banda Saving Grave

Robert Plant, vocalista da lendaria banda Led Zeppelin, actuará na provincia de Ourense o vindeiro 9 se setembro, nun concerto que contará co patrocinio da Deputación de Ourense.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente da promotora Live Nation España, Pino Sagliocco, pecharon nun recente encontro de traballo este acordo de colaboración, polo que Plant chegará a Ourense coa súa nova banda, Saving Grace, fundada en 2019.

Segundo explican dende a organización, as entradas para o concerto de Robert Plant sairán á venda en vindeiras datas e neste momento estase a traballar na ubicación da cita musical, que podería ser o mosteiro de San Salvador de Celanova.

“É moi importante que Ourense teña a capacidade de acoller a lendas da música internacional como Robert Plant”, resalta Manuel Baltar, que pondera a “repercusión e o retorno socioeconómico que ofrecen ao noso territorio citas desta magnitude, nunha dinámica na que levamos tempo traballando, apoiados na colaboración dunha promotora do máximo nivel internacional como é Live Nation e que seguirá proporcionando froitos para Ourense nos vindeiros meses”.

Unha figura fundamental na historia do rock

Robert Plant (1948) é, sen dúbida, unha figura fundamental na historia do rock. Despois do seu fugaz paso por bandas como Listen ou Obs-Tweedle, nas que queda recollida a súa paixón polo blues, o rocanrol e por grupos como Jefferson Airplane, o encontro en 1968 con Jimmy Page, procedente dos icónicos The Yardbirds, cambia a súa carreira. O grupo resultante -Plant, Page, John Paul Jones e John Bonham- comeza a dar concertos como The New Yardbirds, pero por problemas legais pronto pasarán a ser chamados como Led Zeppelin. A traxectoria desta banda, ata a súa disolución en 1980, pasa por ser unha das máis frutíferas da historia da música, con nove álbumes de estudo -con fitos como “Led Zeppelin II” ou “Led Zeppelin IV”- e máis de 300 millóns de discos vendidos.

Robert Plant, considerado como un dos mellores vocalistas e “frontmans” do rock do século XX pola crítica especializada, comezou despois da disolución de Led Zeppelin unha carreira en solitario á que en paralelo sumou a fundación de bandas como Priory of Brion, Strange Sensation, Sensational Space Shifters ou Saving Grace, coa que chegará a Ourense neste mes de setembro.