Sae a luz outra novela de Rafael Laso

Portada do novo libro de Rafael Laso
Sae a luz outra novela de Rafael Laso

Editado por Tambre presentarase previsiblemente en Xinzo o día das Letras Galegas

Entrevistamos ao escritor limiao Rafael Laso, que a semana que ven presentará en Xinzo a súa derradeira obra, na que volve outra vez ao escenario da Lagoa.

Van case cinco anos dende o teu último libro en papel ata hoxe. Por que tanto tempo sen nada novo?

rafaellaso
rafael laso

Foi unha cousa da situación. A idea inicial non era agardar tanto, mais a pandemia obrigou a adiar multitude de proxectos, non só este. Supoño que iso obrigou ó sector editorial a mudar as súas estratexias e xeitos de actuar. Porén, a nivel persoal, iso non significa que deixase de escribir. No ano da pandemia saiu “on line” neste xornal a novela Amores de diario e no caixón teño dúas novelas rematadas e outra na que estou traballando, pero que vai máis amodo do que me gustaría.

A novela titúlase A revolta da lagoa. Despois de Unha vida de ra regresas ó mesmo escenario.

Si, si, regreso novamente á lagoa de Antela.

Pero é que O trasmundo de Antioquía tamén está ambientada alí. Hai algo que che quedara por contar?

Non, en absoluto. Esas dúas novelas que citas xa dixeron todo o que tiñan que dicir. Nesta nova case me atrevo a asegurar que a lagoa é algo máis que o espazo onde se desenvolve a acción, é case como un personaxe que está aí presente sempre, inda que non sexa en primeira liña.

Perdoa que insista, algo especial terá para ti.

Non podo negar que o ten. Noutros libros meus, tamén hai mencións a lagoa, sexan de xeito directo ou indirecto. Eu non a coñecín, a miña lembranza é a da canle a que ía pescar ras co meu tío o Toniño Moca. Pero meus pais, os avós, si... na casa saíu moitas veces como tema de conversa. Cando es un neno, certas historias quédanche pegadas sen saber polo que. Lembro que cando o meu avó falaba da ponte tremedoira eu arrepiaba co medo cando me imaxinaba de pé naquela ponte.

Daquela, que nos contas na novela?

Conto a historia do estiñado da lagoa. Pero dende a visión da parte máis feble, a parte máis afectada por todo o proceso. Esa parte que foron os animais que formaban o hábitat da lagoa e arredores.

Veremos entón unha visión negativa da desecación?

Non, para nada pretendo iso. Cómpre salientar que non podemos xulgar cos ollos de hoxe algo que se executou hai máis de sesenta anos, cunhas circunstancias e unhas necesidades diferentes. Como en todas as cousas haberá aspectos positivos e negativos, pois a perfección ou o acerto completo non existen. Eu só quería darlle voz (inda que fose nunha fantasía) a aqueles que non foron consultados e que foron os que máis perderon. O libro leva unha cita de Bob Dylan moi significativa, pero hai outra cita del que di “as persoas rara vez fan o que cren. Fan o que é conveniente, despois arrepíntense”. Por iso digo que seguramente hoxe non se faría tal cousa.

Como xurdiu a idea?

Comecei a escribila no 2016, ó cumprirse sesenta anos xustos da aprobación da lei para o saneamento e colonización da lagoa, e para o ano seguinte estaba practicamente rematada. Lembro ler daquela moitos artigos e reportaxes na prensa sobre a cuestión. Nese ano volvín ler Antela, a memoria asolagada, de Xosé Lois Martínez Carneiro. Lino cunha ollada moi diferente a cando o fixen no 1997 ó pouco de ter saído do prelo. Nun dos artigos do libro falábase da fauna e da flora que se perdeu. E imaxinei que sería interesante poñerme no pelexo deses animais para contar a historia o máis preto posible da súa perspectiva.

Polo tanto, o protagonismo recae nos animais?

En certo modo si, pero non só. Tamén hai persoas importantes na novela como os “laguneros”, o xastre, o zapateiro, o mecánico, o garda municipal. Todos eles expresan, nalgún intre, a súa opinión independentemente de cal sexa.

Como foi o proceso da escrita?

Rafael Laso
Rafael Laso

Aínda que pareza unha contradición, foi doado pero complexo ó mesmo tempo. O primeiro, porque a idea da historia estaba completa na miña cabeza. Cando iso ocorre, resulta máis ou menos doado poñela en palabras. O complexo foi a procura de información e imaxes antigas da lagoa, lectura de textos e artigos para documentar o mellor posible o contexto.

Despois de todo iso, o resto fíxoo todo a imaxinación e foi moi importante o feito de contar con un editor como Ignacio Chao, que se implica ó máximo ata no mínimo detalle. Imaxino que para un libro coma este o feito de ir ilustrado ten a súa importancia. Que opinas das ilustracións?

Quero salientar aquí a elección de Ximena Maier, por parte do editor, para ilustrar o libro. Os seus trazos beben a alma dos personaxes do propio texto. Son uns debuxos marabillosos nos que se reflicte totalmente o espírito da novela. Certamente, quedei encantado co resultado e non podo máis que felicitar a Ximena por tan estupendo traballo.

Un libro para rapaces coma este... ¿Escribíchelo dalgunha maneira especial?

Non, para nada pensei “vou facer un libro para tal ou tal idade”. Eu tiña unha historia que quería contar, quería que chegase ó fondo do lector, que o fixese pensar. O que si quería era que quedasen claras as diferentes maneiras de entender unha mesma situación. Os rapaces, na miña experiencia, son un público moi esixente. Precisan historias que lles peten, que lles digan estamos quí, que os enganchen para que sigan lendo. E iso era o único especial que quería acadar. Se o logrei ou non, xa se verá, cando estea na man de cada quen que o lea. Agora ben, eu recomendaría a lectura para toda esa rapazada que hai dos dez ós cen anos!