Continúan os eventos e exposicións culturais en Xinzo

Continúan os eventos e exposicións culturais en Xinzo
Esta fin de semana inaugurarase A Limia Castrexo-Romana, e terán lugar as Xornadas de Folclore e o espectáculo A formiga no carreiro

Xinzo de Limia continúa cos eventos da programación cultural de verán. Esta fin de semana de agosto inaugurarase a exposición A Limia Castrexo-Romana, promovida pola asociación Civitas Limicorum. A inauguración da mostra, que se instalará na Praza Maior, está prevista para o sábado, ás 20.30 horas e os interesados poderán visitala ata o 22 de agosto, trala celebración da Festa do Esquecemento.

Tamén nos próximos días haberá espectáculos para todos os públicos. Aos máis pequenos diríxese “A formiga no carreiro”, unha viaxe polas terras da lusofonía para contar, cantar, bailar e brincar cos contos da tradición oral e a música ao mesmo tempo que se rende homenaxe a Carvalho Calero. Precisamente o autor achéganos a diferentes artistas que empresan a lusofonía como vehículo de expresión, con recursos e diversión para os cativos e cativas. Será a partir de las 19.30 horas na Praza Maior.

Ademais, as xornadas de folclore chegarán a Xinzo de Limia o domingo cos grupos de Costa de Marfil, Chile e Indonesia. Ás 20.00 horas está previsto un desfile dos grupos dende O Toural á Praza Carlos Casares. Media hora máis tarde celebrarase o festival folclórico neste último punto.