viernes. 07.10.2022

O xurado do Concurso de Minicontos de Medo Samaín 2021 destacou a orixinalidade dos traballos presentados e premia a seis alumnos

Catro dos seis galardoados son escolares do CEIP Rosalía de Castro, e os restantes do IES Cidade de Antioquía e do IES Lagoa de Antela

Xinzo de Limia é berce de recoñecidos escritores e as novas xeracións veñen pisando forte. Así quedou demostrado no Concurso de Minicontos de Medo e Terror convocado polo Concello de Xinzo con motivo do Samían e que xa ten gañadores. O xurado destaca a orixinalidade dos relatos presentados e premiará a seis alumnos, catro pertencen ao CEIP Rosalía de Castro e os restantes ao IES Cidade de Antioquía e ao IES Lagoa de Antela.

Establécense dúas categorías, infantil e xuvenil, e tres premios en cada unha delas. Así, na primeira (de 5 a 11 anos) resultaron gañadores e por orde de primeiro, segundo e terceiro posto, Antón Sánchez Joga, Claudia Urones Cid e Gabriela Enríquez Blanco. Todos eles estudan no CEIP Rosalía de Castro. Na categoría xuvenil (máis de 12 anos) serán galardoados Carla Gómez Gómez, do IES Lagoa de Antela; Shaila Franco Morales, do IES Cidade de Antioquía, e Leo Rodríguez Enríquez, do CEIP Rosalía de Castro. Todos eles recibirán vales para mercar nas librarías do municipio nun acto que terá lugar nos próximos días. O primeiro premio será un vale de compra de 150 euros; o segundo terá a cantidade de 100 euros e o terceiro de 50 euros. Ademais, cada galardoado recibirá un diploma e un agasallo orixinal de Limisi.

O Concello de Xinzo de Limia quere agradecer aos participantes o seu esforzo e que dedicaran un anaco do seu tempo a esta iniciativa cultural. Fomentar a lectura entre os máis novos e transmitir a tradición celta do Samaín son os dous obxectivos que se perseguen con esta proposta que contou con gran participación.

O xurado estivo composto por persoeiros relacionados co mundo das letras e polos directores e directoras dos centros educativos, CEIPs e IES do concello ou persoas que designasen. Como secretario, sen voto, actuou o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, que levantou a acta da decisión do xurado.

113

O xurado do Concurso de Minicontos de Medo Samaín 2021 destacou a orixinalidade dos...